Tras o parón estival, os feneses competirán no ESOK Rallye turco, 9ª proba puntuable do FIA European Rally Trophy Championship.
Tras 22 anos ininterrompidos en competición, Édgar Vigo e Fátima Ameneiro competirán en Asia por primeira vez. Entre o 12 e o 14 de setembro, celébrase no lado asiático de Turquía, concretamente na cidade universitaria de Eskisehir, o ESOK Rallye, novena proba puntuable do FIA ERT. A competición, completamente sobre terra, comezará o venres 12 cunha especial nocturna de 8,4 km, onde non se permite o emprego de iluminación adicional á existente no coche. Posteriormente, a carreira divídese noutras 2 etapas que transcorrerán entre o sábado 13 e o domingo 14, destacando a especial de Kim Yapi Kimyasallari con 28,6km contra o crono.
A proba turca será a 5ª cita da tempada para o equipo, que estivo ausente nas últimas 4 carreiras, logo de traballar para estar no Ulster Rallye sen éxito, por falta de orzamento. Tras competir na 4 primeiras citas da tempada con sorte dispar e mellorando proba a proba, a posición que ocupan os galegos na xeral do campionato é a 9ª, esperando poder ascender posicións tras a celebración desta carreira, onde fan un esforzo crave para tirar de estratexia, ao non esperar que participen os seus principais rivais.
Édgar Vigo: “Sempre nos encantou Asia e poder estar alí competindo, fainos unha especial ilusión. Desde que nun modesto Fiat Seicento 1.1, percorremos a distancia entre Fene e Mongolia, dentro do Mongol Rally (evento solidario non competitivo), non volvemos a conducir por terras asiáticas e esta será a nosa primeira carreira alí”.
Fátima Ameneiro: “Perdemos un pouco de fol debido ao parón estival, pero xa estamos preparados para afrontar un final de tempada no que esperamos poder competir en 3 das 6 citas restantes. Esta, será a primeira das oportunidades para volver a reengancharnos ao campionato e imos convencidos de que o faremos. O noso obxectivo continúa sendo recoller o noso trofeo de campións na gala da FIA 2025 en Uzbequistán”.
Info e foto: Scratch Fene




