O BBCA anuncia que Ismael «Izzy» Fernández será o novo adestrador do sénior masculino, iniciando unha nova etapa tras poñer fin a oito tempadas consecutivas defendendo a camiseta do primeiro equipo.
Quen durante os últimos anos foi unha das pezas fundamentais do equipo afronta agora o reto de dirixir desde o banco ao sénior masculino, que volverá competir na Primeira División Galega coa ilusión de recuperar unha identidade propia e manterse como o gran referente do baloncesto sénior masculino en Ferrol.
Tras unha tempada por debaixo das expectativas, o club inicia un novo ciclo cunha idea clara: construír un proxecto sólido, recoñecible e sostible, onde a identidade estea por riba dos resultados inmediatos.
«Non nos marcamos obxectivos clasificatorios a curto prazo. O primeiro é recuperar unha identidade, que xogadores, club e afeccionados gocen do camiño e que o equipo teña unha maneira de competir recoñecible. Os resultados serán consecuencia do traballo.»
Máis alá do aspecto competitivo, Ismael quere que o primeiro equipo volva ser o motor deportivo do club, reforzando a conexión co sénior filial e cos equipos de formación para que os xogadores da canteira atopen un camiño natural cara ao primeiro equipo.
«Queremos que exista unha liña de traballo común entre o júnior, o filial e o sénior. Que os xogadores da casa vexan que hai un sitio para eles e que o primeiro equipo sexa un espazo onde seguir medrando tanto deportiva como persoalmente.»
Un dos piares sobre os que se sustentará o proxecto será a continuidade do grupo. O Costa Ártabra traballou durante as últimas semanas para manter o bloque que competiu nas últimas tempadas, convencido de que o sentimento de pertenza é unha das maiores fortalezas do equipo.
«Este grupo sempre foi moito máis ca unha suma de xogadores. Levamos anos compartindo adestramentos, partidos, alegrías e momentos difíciles. Esa unión non se improvisa e queremos que siga sendo un dos sinais de identidade do equipo.»
Durante os próximos días o club anunciará as renovacións e as novas incorporacións dun cadro de xogadores que afrontará unha esixente tempada na Primeira División Galega.
Ismael móstrase especialmente satisfeito coa resposta que atopou por parte dos xogadores cos que falou durante as últimas semanas.
«Moitos xogadores recibiron propostas para cambiar de equipo e, aínda así, non tiveron dúbidas á hora de apostar por este proxecto. Para min iso demostra o compromiso que existe con este club, con este grupo e coa idea que queremos construír.»
O CB Costa Ártabra afronta así unha nova etapa coa ambición de seguir sendo unha referencia do baloncesto galego e o principal referente do baloncesto sénior masculino en Ferrol. Un proxecto baseado na estabilidade, a formación, o traballo diario e o sentimento de pertenza, convencido de que os equipos máis fortes non só se constrúen con talento, senón tamén con confianza, compromiso e unha identidade compartida.
Info e foto: BBCA




