O Baxi Ferrol saíu vencedor dunha auténtica batalla galega, impoñéndose ao Ensino Lugo por 71-67 nun derbi cargado de tensión, emoción e orgullo, correspondente á 13ª xornada da liga Feminina Endesa, resolto nun final agónico que fixo vibrar á afección.
Apaixonante partido o que se viviu na cidade naval entre o conxunto ferrolán e o lucense, e no que antes de que se puxese o balón en xogo, o pavillón púxose en pé para escoitar a Lucía Pérez, que emocionou ao público coa interpretación do himno galego, achegando un inicio solemne e especial á cita do derbi.
O Baxi Ferrol golpeou primeiro no derbi, asinando un arranque intenso e valente que lle permitiu pechar o primeiro cuarto con vantaxe ante o Ensino. O conxunto ferrolán impuxo un ritmo alto, atopando solucións en ataque e mostrando carácter desde o salto inicial, lideradas especialmente nos primeiros compases por Lay Daniels, Moira Joiner e Karla Erjavec, mentres o equipo lucense resistía o envite e mantíñase no partido nun inicio vibrante e cargado de emoción, con Tate e Gimoi á cabeza. As de Lino López podían levarse unha vantaxe clara ao final do primeiro acto, pero dúas canastras continuas do equipo lucense maquillaba o resultado nun 23-19.
No segundo cuarto, a pesar do bo inicio do Baxi durante os primeiros minutos, o Ensino reaccionou con forza para darlle a volta parcial. As lucenses intensificaron o seu xogo ofensivo, con Alicia Flórez e Elba Garfella como protagonistas, e que unido a unha maior agresividade nas tarefas defensivas e o buscar o rebote, permitiu que as de Suso Garrido fósense escapando aos poucos no marcador, chegando a endosar un parcial de 0-14. Por parte das ferrolás, a dupla americana formada por Moira Joiner e Lay Daniels permitían ás de Lino López seguir metidas no partido, marchándose aos vestiarios cun 36-45.
O descanso sentou moi ben ao Baxi, que parecía outro no terceiro acto. O equipo saíu novamente agresivo en ataque e en defensa, conseguindo moi pronto igualar a contenda e mesmo poñerse por diante con dous triplos consecutivos de Joiner. A partir de aí, o partido estaba moi equilibrado con intercambio de goles, e cando parecía que a balanza se inclinaría a favor do Ensino, Blanca Millán inventouse un gran triplo sobre a bucina de posesión para poñer as táboas, marchándose finalmente ao último acto cun resultado de 54-54.
No último cuarto, o Baxi saíu a por todas sen levantar o pé do acelerador. O pavillón da Malata ruxía como nunca, vían a vitoria moi posible e animaban sen parar ás súas, que respondían mostrando ese gran nivel ao que nos ten afeito o equipo de Lino nas grandes citas. O cuarto iniciábase cun 4 para as locais por cortesía de Sotolova e Elena Rodríguez, pero o Ensino respondía o envite con Maimouna Haidara igualando o choque. A falta de catro minutos, Joiner daba novamente a vantaxe para o equipo ferrolán, e a partir de aí, aguantarían o ritmo para finalmente levarse o derbi por 71-67.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 71-67 Durán Maquinaria Ensino
BAXI FERROL: Moira Joiner (17), Clementine Samson (1), Karla Erjavec (13), Claire Melia (11) e Lay Daniels (11); Alba Sánchez-Ramos (0), Sotolova (4), Elena Rodríguez (2) e Blanca Millán (12).
DURÁN MAQUINARIA ENSINO: Tate (19), Maimouna Haidara (14), Zoe Hernández (3), Alicia Florez (11) e Lydia Giomi (6); Van Schaik (0), Jessica Fequiere (5), Elba Garfella (9), Alessadra Orsili (0).
CUARTOS: 23-19; 36-45 (13-26); 54-54 (18-9); 71-67 (17-13).
ÁRBITROS: Ángel De Lucas, Jesús Marcos Martínez Prada e Manuel Seijo Vázquez. Sinalaron 23 faltas a favor do Baxi e 18 en contra.
INCIDENCIAS: 13ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata.




