O Baxi Ferrol inicia a súa reconstrución con Kateřina Galičková

A versátil aleiro checa, procedente do KP Brno, convértese na primeira fichaxe do conxunto ferrolán tras a saída de Alba Sánchez-Ramos e chega avalada polos seus bos números na EuroCup Women.

O Baxi Ferrol comezou a construír o seu novo proxecto deportivo, baixo o lema, “O inferno empeza a construírse”, coa presentación da súa primeira fichaxe: a aleiro checa Kateřina Galičková. A xogadora, procedente do KP Brno, un vello coñecido do conxunto ferrolán nas competicións europeas, convértese así na primeira peza do renovado cadro verde.

Galičková chega avalada pola súa versatilidade e rendemento. Trátase dunha xogadora capaz de adaptarse a varias posicións na pista, destacando pola súa intensidade defensiva, a súa rapidez e unha notable capacidade no tiro exterior. Ademais, amosa fortaleza no rebote, o que a converte nun perfil moi completo para o esquema do equipo. Durante a presente campaña na EuroCup Women, a checa asinou actuacións destacadas nos sete encontros disputados co seu equipo, onde sumou 80 puntos, capturou 41 rebotes e repartiu 20 asistencias, cifras que a levaron a liderar o KP Brno cun total de 104 de valoración.

A súa posta de longo tivo lugar onte un escenario especial, durante a Fashion Fest Primaveira celebrada en Niebla Boutique. Alí, a xogadora dirixiuse por primeira vez á afección ferrolá a través dun vídeo no que amosou a súa ilusión por esta nova etapa.

Con esta incorporación, o Baxi Ferrol dá o primeiro paso tras anunciar recentemente a saída de Alba Sánchez-Ramos. Espérase que nos vindeiros días o club continúe movéndose no mercado para perfilar un equipo competitivo de cara á próxima tempada.

Foto: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas