O Baloncesto Base Costa Ártabra impón a súa lei tras o parón

A intensidade defensiva e o equipo ao completo marcan a diferenza ante o Maristas.

Gran partido dos departamentais no retorno á competición tras o parón de Semana Santa. Por primeira vez na tempada, Carlos Cotovad podía dispoñer de todos os seus efectivos, e o equipo notouno, realizando un gran encontro que fixo as delicias dos afeccionados locais, que novamente practicamente encheron o Javier Gómez Noya.

O partido arrincou co Maristas facendo gala da súa media de anotación, 81,75 por partido, a mellor da categoría e da súa condición de colíder, e sumando un 0-7 nun minuto e dezaseis segundos, que colleu aos ártabros a contrapé. Os locais reaccionaron e puxeron o mono de traballo, equilibrando rapidamente o marcador, rematando o primeiro cuarto con moita igualdade cun 19-21.

O segundo cuarto arrincou cun Maristas novamente máis acertado, pero os ferroláns tiñan claro cal era o camiño para gañar: unha férrea defensa, conseguindo pouco a pouco dificultar os ataques dos coruñeses e, a pesar de non estaren moi acertados en ataque, conseguen chegar ao descanso por diante no marcador cun 36-34.

As directrices no descanso son claras: o partido baséase na defensa, e os xogadores locais aplícano na súa mellor definición. Mantéñense por diante en todo o cuarto con pequenos tiróns aos que responden os xogadores de Maristas. Só a falta de acerto en ataque impide que o partido se rompa, rematando o terceiro cuarto con 55-49 no electrónico.

O último cuarto comezou da mellor maneira, cun parcial de 12-0 a favor dos locais. A defensa do BBCA anulou totalmente ao equipo visitante, que non conseguiu anotar ata que faltaban pouco máis de cinco minutos para o final. Só a relaxación nos últimos momentos dos xogadores locais, acompañada de erros evitables, impediron unha vitoria máis ampla.

Xogaron e anotaron polo Costa Ártabra: Isma (10), Rivas (17), Mario (12), Fuertes (10) e Brais (4); André (2), Unai (6), Pita (2), Pelayo (2), Pevi (4), Diatta (2), Davis (0).

Foto: BBCA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas