O último cuarto condenou a un bo Baxi Ferrol que plantou cara ante o Galatasaray Cagdas Factoring na primeira xornada da EuroCup Women e terminou caendo por 66-83.
O Baxi Ferrol de Lino López afrontaba a primeira xornada da EuroCup Women recibindo ao Galatasaray Cagdas Factoring nun pavillón da Malata que presentaba un bo ambiente de noite europea. Para este encontro saíron de inicio Ángela Mataix, Gala Mestres, Julie Pospisilova, Moira Joiner e Mimi Collins, mentres que as turcas de Ekrem Memnun formaron con Goksen Fitik, Brianna Fraser, Jisu Park, Julie Vanloo e Meltem Yildizhan.
O primeiro cuarto arrincou sen un claro dominador nos primeiros minutos, cun Baxi que atacaba ben e un rival que respondía ás acometidas ferrolás. Pero a historia cambiou preto do ecuador, cando as ferrolás decidiron probar desde a liña de tres e empezou a entrar todo o que tiraban, con Gala Mestres e Mimi Collins co traxe de francotiradoras cribando ás rivais ata poñer un marcador de 15-4 a falta de 5 minutos que obrigaron a Memnun a solicitar tempo morto para cortar a sangría. Veulle ben o parón ao conxunto turco, que comezou a mellorar nas prestacións ofensivas e tranquilizaron momentaneamente o ritmo das ferrolás, pero a entrada de Blanca Millán cun triplo e unha canastra de dous volveron revolucionar o encontro a favor das locais, pechando o primeiro período por 26-17. Nas estatísticas individuais, Gala Mestres era a máxima anotadora local e do encontro con 8 puntos, mentres que das turcas dominaban Ayse Cora e Jisu Park con 5 puntos.
No segundo cuarto intercambiáronse os papeis, cun Baxi Ferrol con pouco acerto ofensivo, logrando só unha canastra no primeiros catro minutos, mentres que o conxunto turco íase achegando aos poucos no marcador ata quedar a 3 puntos por baixo, e esta vez era Lino quen tiraba do tempo morto para dar indicacións ás súas. As ferrolás seguían sen atopar o acerto do primeiro cuarto e as turcas igualaban o encontro. Moira Joiner sumaba desde a liña de tres, pero novamente o desacerto en ataque por parte do conxunto local ante os bos minutos das turcas propiciaba que estas últimas adiantásense no marcador. O Baxi comezaba a mostrar melloría, pero o partido marcharíase ao descanso con vantaxe para as turcas por 35-38 lideradas por Aysegui Gunay con 9 puntos, mentres que polas ferrolás seguía Gala Mestres con 8 puntos como referente en ataque.
O terceiro cuarto non puido empezar mellor, cun triplo de Julie Pospisilova, aínda que as turcas non quedaban atrás e respondían de inmediato mediante o poderío baixo o aro de Hollingsworth. O partido estaba a un ritmo frenético e este ambiente é o idóneo para un Baxi no que entre Collins e Mestres comezaron a botarse o equipo ás costas e levaron ás ferrolás para volver a tomar a vantaxe con +6 arriba. O Baxi Ferrol estaba a ser un vendaval, presionando os ataques rivais e obrigando a que lanzasen moi forzadas provocando o fallo, tendo que ser necesario que Memnun solicitase un novo tempo morto. O momentazo do partido viviuse cando no último segundo, Carlota Menéndez anotou case desde a metade da pista sobre a bucina, pechando o marcador deste período cun 57-51, con Gala Mestres como máxima anotadora local con 15 puntos e Aysegul Gunal das rivais con 12.
No último cuarto as turcas saíron moito mellor, anotando tres canastras consecutivas que igualaban a contenda. O Baxi Ferrol reaccionaba timidamente, pero as visitantes mostrábanse con moita efectividade, deixando un parcial de 2-15 en catro minutos de xogo que facían presaxiar o peor. O Baxi tentábao desde a liña de tres sen acerto e as turcas mostrábanse moi superiores no rebote, estando 10 puntos arriba a falta de 4 minutos por xogarse. As ferrolás non lle perdían a cara ao partido, pero as turcas anotaban todo canto tiraban, mostrando moita superioridade neste último período e facendo imposible a remontada ferrolá, levándose finalmente a vitoria por 66-83. Como máxima anotadora do partido quedou Brianna Fraser con 21 puntos, mentres que por parte do Baxi Ferrol, Mestres e Collins lograron 15 puntos cada unha.
O próximo mércores 16 de outubro ás 18:00 horas, as ferrolás disputarán a segunda xornada da EuroCup Women no Starez Arena Vodova para medirse ao conxunto checo do KP Tany Brno.
RESULTADO: Baxi Ferrol 66-83 Galatasaray Cagdas Factoring
BAXI FERROL: Ángela Mataix (7), Gala Mestres (15), Julie Pospisilova (5), Moira Joiner (8) e Mimi Collins (15); Claire Melia (2), Alba Sánchez-Ramos (0), Carlota Menéndez (4), Noa Morro (5) e Blanca Millán (5).
GALATASARAY CAGDAS FACTORING: Goksen Fitik (9), Brianna Fraser (21), Jisu Park (14), Julie Vanloo (0) e Meltem Yildizhan (2); Ayse Cora (11), Selin Gul (0), Sude Yilmaz (2), Aysegul Gunay (12), Derin Erdogan (5) e Quanitra Hollingsworth (7)
CUARTOS: 26-17; 35-38 (9-21); 57-51 (22-13); 66-83 (9-32).
ÁRBITROS: Pierre Landy, Kenny Jeanmonod e Andzej Urbanovic. Sinalaron 19 faltas ao Baxi Ferrol e 15 ao Galatasaray Cagdas Factoring.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á primeira xornada da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata.