O Baxi Ferrol saca a súa mellor versión tras o descanso e inicia a tempada con vitoria

As ferrolás de Lino López inician a liga con vitoria tras un gran penúltimo e último cuarto nos que despregaron o seu potencial defensivo e ofensivo para superar ao Kutxabank Araski por 70-59.

Coa recente clasificación para a EuroCup Women e tras disputar a final da Copa Galicia, que finalmente conquistou o Ensino Lugo, as de Lino López presentábanse novamente en partido oficial ante a súa afección, pero esta vez facíano con motivo da primeira xornada da Liga Feminina Endesa. En fronte recibían ao conxunto vasco do Kutxabank Araski que dirixe Madelén Urieta e que contaba entre as súas filas cunha xogadora moi querida para a familia ferrolá como é a canaria Natalia Rodríguez.

Lino estreou o seu quinteto en liga formando con Ángela Mataix, Moira Joiner, Gala Mestres, Julie Pospisilova e Claire Melia, mentres que as elixidas por Madelén Urieta foron Samantha Hill, Natalia Rodríguez, Laura Aliaga, Maxuella Mbaka e Brittany Brewer. O Baxi Ferrol arrincou o primeiro cuarto fiel ao seu estilo, con transicións rápidas e moita intensidade, especialmente en ataque. Nos primeiros minutos os equipos mostrábanse efectivos, tenteándose en cada ataque, pero un par de descoidos das ferrolás permitiron ás vascas tomar unha lixeira vantaxe de seis puntos arriba no marcador. A entrada de Mimi Collins e Noa Morro permitiron dominar na parcela de rebotes e o Baxi logrou recortar lixeiramente e mesmo poñerse tres abaixo, aínda que o cuarto finalizaría con vitoria do Araski por 15-19. Por parte das locais, Gala Mestres era a máxima anotadora con 5 puntos, mentres que polas rivais a referente era Hill con 9.

O segundo cuarto seguiu o mesmo patrón do primeiro, cun Baxi intenso que iniciou con Mimi Collins como protagonista anotando desde a liña de tiros libres un dos dous lanzamentos, pero un Araski moito máis acertado para a canastra. Pelexaban as de Lino por achegarse no marcador e mesmo chegaron a empatar, pero unha Hill inspirada, que estaba a ser un pesadelo para as locais, apoiada polas súas compañeiras, conseguían volverse a escapar. Co partido a piques de marcharse ao descanso, as ferrolás apertaban e ao final o cuarto finalizaba cun 31-34 favorable ás visitantes. Para o Baxi Ferrol, Gala era a máxima anotadora con 8 puntos, e para o Kutxabank Araski, Hill dominaba o apartado anotador con 12.

Cos dous equipos de volta ao rodo, o inicio non puido ser mellor para os amantes do baloncesto, cunha gran canastra de Gala Mestres en xogada persoal, ao que respondía Natalia cun triplo e devolvía Joiner na seguinte xogada. O encontro chegaba ao ecuador e a capitá Ángela Mataix levantaba ao público dos seus asentos cun triplo co que poñía ás súas dúas arriba no marcador. O Baxi Ferrol estaba implacable en defensa, obrigando ás rivais para fallar ao tirar moi forzadas pola intensidade das locais, e abrían unha brecha de seis puntos arriba, pero un par de erros consecutivos en ataque propiciaron que o Araski volvese telas a tiro con dous por baixo. Unha canastra de Mimi Collins nos últimos segundos pechaba o penúltimo período co resultado de 49-45 a favor das galegas, con Ángela Mataix como a máxima anotadora do encontro con 14 puntos e Hill polas visitantes con 12.

O partido chegaba ao último cuarto con todo en xogo e moi pronto o Araski conseguiu darlle a volta ao resultado e mesmo marcharse catro arriba ante o desacerto das locais en ataque. O Baxi Ferrol non se deixaría amedrentar ante este revés e conseguiría reverter a situación cunha Claire Melia que se fixo poderosa baixo canastra e unha boa xogada colectiva lderada por Mataix e que finalizaba Mestres para volver poñer ás ferrolás por diante. Faltaban tres minutos por xogarse e todo o pavillón da Malata era unha pota a presión empuxando ás súas, e baixo estas condicións, o Baxi Ferrol non falla, levándose a vitoria na primeira xornada da tempada 2024/25 cun resultado de 70-59. Dúo de anotadoras nas filas ferrolás con Gala Mestres e Ángela Mataix con 18 puntos, mentres que Hill sumou 17 para as visitantes.

RESULTADO: Baxi Ferrol 70-59 Kutxabank Araski

BAXI FERROL: Ángela Mataix (18), Moira Joiner (3), Gala Mestres (18), Julie Pospisilova (2) e Claire Melia (10); Alba Sánchez-Ramos (0), Carlota Menéndez (5), Noa Morro (0), Mimi Collins (8), Blanca Millán (4) e Jori Davis (2).

KUTXABANK ARASKI: Samantha Hill (17), Natalia Rodríguez (8), Laura Aliaga (6), Maxuella Mbaka (2) e Brittany Brewer (10); Montserrat Brotons (2), Marta Hermida (8) e Bethy Mununga (6).

CUARTOS: 15-19; 31-34 (16-15); 49-45 (18-11); 70-59 (21-14).

ÁRBITROS: Carlos Javier García León, Cristian Martín Vázquez e Alejandro López Lecuona. Sinalaron 38 faltas, 22 a favor do Baxi Ferrol e 16 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á primeira xornada da LF Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras