O conxunto carballés conquistou o García Hermanos e levouse unha valiosa vitoria por 1-2 ante o Betanzos CF.
Coa baixa de Musy xa sabida e a de última hora de Baleato, Secho elixiu a Longo e Iago López para repetir o once da semana pasada formado por Canedo, Isra, Iago L., Iago M., Cabarcos, Álex Lorenzo, Manu, Álex Ramos, Pedrosa, Longo e David Álvarez.
Non comezaron ben as cousas para o conxunto carballés que aos tre minutos de partido Santi Canedo interveu para evitar o 1-0 cunha man abaixo que impediu o gol local. O dominio e acoso do Betanzos non parou e, como xa avisou Secho, calquera saque de banda, falta lateral ou córner convertíase nun balón moi perigoso á área. Ademais, o campo non axudaba a querer xogar o esférico polo chan debido ao temporal que converteu o céspede natural nunha lameira.
Juan Lado adiantou aos locais desde o punto dos once metros ao transformar o penalti cometido por Cabarcos aos catorce minutos de xogo. A partir de aí o Betanzos empezou a recular e o Bergantiños a tomar as rendas do partido, aínda que pouco asustou cun par de tiros afastados de Álex Ramos e algún achegamento illado durante os primeiros 45 minutos. Tras o descanso, Secho moveu ficha dando entrada a Cano por David Álvarez e o partido cambiou. O Bergan foi outro desde o reinicio e Santi Canedo desapareceu. O acoso non paraba e tras un bo balón de Isra, terminou nas botas de Álex Ramos que sacou un centro medido ao corazón da área onde o esperaba colgado dunha percha Pablo Longo para empatar o encontro.
Kanouté entrou por Ramos e acto seguido, no 74, era Longo outra vez o que tras un córner lanzado maxistralmente por Manu, cabeceaba ao fondo da rede. O diluvio seguía complicando o partido que empezou a ser un correcalles no que o Bergan dominou e puido sentenciar con ocasións de Cano e Remeseiro (que entrou por Longo). Currás saíu por Pedrosa nos minutos finais e o resultado non se moveu ata o asubío final.
Fotos e info: Bergantiños FC