O Racing de Ferrol continúa a súa travesía na liga Hypermotion de maneira sólida, sen pasar apuros, cos postos de descenso a unha distancia considerable de sete puntos e mirando de esguello á zona alta da clasificación a catro puntos.
Os ferroláns continúan sen perder no seu reino da Malata en todo o 2023, convertendo a súa casa nun bastión inexpugnable no que os rivais tan só puideron levar empates como máximo. Nas últimas catro xornadas disputadas en territorio galego, o Racing de Ferrol venceu ao Amorebieta por 1-0 e cedeu dous empates con idéntico resultado de 1-1 ante o Cartagena e o Eldense, caendo entre medias a domicilio por 1-0 ante o Levante.
Se o presente do Racing de Ferrol está a ser prometedor e, de seguir nesta liña, augura un bo futuro na liga de prata, o pasado segue colleitando afagos en forma de premios como o que recibiu o técnico Cristóbal Parralo por parte do Comité de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol, que lle outorgou esta semana o galardón Ramón Cobo como mellor preparador do primeiro grupo da Primeira RFEF a pasada campaña. Un premio, sen dúbida, máis que merecido ao técnico do conxunto ferrolán e que honra non só os méritos deportivos, senón tamén a actitude ou comportamento.
En canto aos goleadores, sete xogadores lograron ver portería, sendo Iker Losada o máximo realizador con tres tantos, seguido polos extremos Héber e Carlos Vicente con dous goles e noutro grupo Josep Señé, Álex López, Álvaro Giménez e Álvaro Vadillo cun tanto cada un.
Foto: Tini Fotografía