A pasada fin de semana, catro deportistas do Club Acuático Laracha e o seu adestrador Sergio Campos, desprazáronse á Piscina Esperanza Lag de Elche para participar na II Spanish Cup – II Campionato de España Individual Xuvenil, Junior e Absoluto, onde os deportistas se fixeron con cinco mellores marcas persoais e David Fraga o récord galego absoluto no 200m Supersocorrista.
Nas probas individuais tres dos nosos deportistas conseguiron clasificarse no top ten de España nas súas categorías.
A xuvenil Lucía Añón clasificouse entre as dez mellores nas tres probas nas que participou: 4ª no 100m Socorrista, 7ª no 200m Supersocorrista e 6ª no 100m Remolque Manequín con aletas.
Na categoría junior, Álvaro Hidalgo tamén se clasificou entre os dez mellores de España en dous das probas disputadas: 7º no 200m Supersocorrista e 8º no 100m Remolque Manequín con aletas. Foi tamén 17º no 100m Socorrista.
Na categoría absoluta, David Fraga fíxose co Récord Galego na proba 200m Supersocorrista, clasificándose en 9º lugar e gañando a final B da proba. Así mesmo, participou na proba 100m combinada na que se clasificou no 14º lugar. Nesta mesma categoría, Pablo Amado clasificouse no posto 23º no 100m Remolque manequín con aletas, 34º no 100m Socorrista e no 35º posto no 50m Remolque manequín.
Foto: Club Acuático Laracha