Os deportistas xuvenís, júniors e absolutos carballeses competiron en Castellón nunha edición marcada polo gran nivel xeral.
O Club Sysca participou a pasada fin de semana, do 17 ao 19 de abril, no Campionato de España de Primavera e Open de Salvamento e Socorrismo das categorías xuvenil, júnior e absoluta. A competición, que se disputou na Piscina Olímpica Municipal de Castellón da Plana, estivo marcada polo altísimo nivel amosado polos socorristas ao longo dos tres días, durante os cales se estableceron ata un total de 27 novos récords nacionais, entre probas individuais e relevos.
O conxunto carballés acudiu cunha expedición formada por 12 deportistas: en categoría xuvenil, Marta Eirís, Noa Rodríguez, Mateo Cerviño e Mateo Castelo; en júnior, Raquel Suárez, Sara Puñal, Carla Mourelle, Álvaro Lavandeira e Joel García; e en absoluta, Andrea Goimil, Gabriel Rodríguez e Javier Agrelo. Todos eles estiveron acompañados polo seu adestrador, Diego López.
Unha das deportistas máis destacadas do equipo foi Marta Eirís, quen se proclamou campioa de España nos 100 metros socorrista xuvenil cun tempo de 1’04”10, establecendo, asemade, un novo récord galego. Nunha final moi axustada impúxose por apenas dúas centésimas á súa compañeira Noa Rodríguez (1’04″12), quen levou a medalla de prata. Ademais, Marta sumou outra medalla de bronce, neste caso nos 100 metros remolque de manequín con aletas.
Ademais dos podios, o club logrou situar a varios dos seus deportistas entre os dez mellores de España en distintas probas. Destacan o cuarto posto de Joel García nos 100 metros socorrista júnior e a quinta posición de Raquel Suárez na mesma proba en categoría feminina. Joel García foi tamén quinto nos 100 metros remolque de manequín con aletas júnior. Pola súa banda, nesa mesma categoría Carla Mourelle rematou oitava nos 200 metros obstáculos, mentres que Sara Puñal foi décima tanto nos 200 metros supersocorrista como nos 100 metros combinada. Nos absolutos, Andrea Goimil e Gabriel Rodríguez participaron nas finais dos 50 metros remolque de manequín e 100 metros remolque de manequín con aletas, respectivamente.
En relevos, o equipo júnior feminino formado por Raquel Suárez, Sara Puñal, Marta Eirís e Noa Rodríguez conseguiu a medalla de bronce no 4×25 remolque de manequín. Pola súa banda, no 4×50 socorrista mixto, o relevo xuvenil integrado por Marta Eirís, Noa Rodríguez, Mateo Cerviño e Mateo Castelo asinou unha meritoria cuarta posición, acompañada á súa vez por unha nova plusmarca autonómica. O relevo júnior feminino tamén foi quinto no 4×50 combinado e sexto tanto no 4×50 obstáculos como no lanzamento de corda, mesma proba na que o equipo absoluto masculino rematou en cuarto posto.
Coa disputa deste campionato péchase a tempada de piscina para o Club Sysca e comeza o calendario de praia. A próxima cita será a primeira xornada da liga de augas abertas, que se celebrará os días 25 e 26 de abril na praia de Silgar, reunindo a deportistas das categorías infantil, cadete, xuvenil, absoluta e máster.




