O Parrulo asinou unha tarde de orgullo e carácter ao empatar ante o Jimbee Cartagena Costa Cálida despois de verse dous goles por detrás no Pavillón da Malata, onde o conxunto ferrolán, lonxe de renderse, reaccionou con intensidade, arreón ofensivo e unha bancada entregada para culminar unha remontada que deixou o pavillón en pé e un punto con sabor a vitoria.
O Pavillón da Malata vibrou desde moito antes do asubío inicial. A afección de O Parrulo, consciente da magnitude do rival que tiña enfronte, envorcouse nun ambiente eléctrico para recibir a un Jimbee Cartagena Costa Cálida que chegaba co seu habitual ritmo frenético e un persoal repleto de talento.
O Parrulo, que contaba coa baixa de última hora dun Novoa tocado, arrincou o partido con moito ritmo ante a súa afección, tratando de presionar a saída de balón do Cartagena, con todo, o cadro visitante foi impoñendo a súa lei, avisando primeiro Cortés cun disparo á cruceta nun saque de banda e posteriormente Motta cun disparo de falta que Starna conseguiría rexeitar. As cousas parecían pintar ben para os ferroláns cando os de Duda sumaban a súa quinta falta con trece minutos aínda por diante, pero serían os primeiros en golpear cunha contra liderada por Juninho e que finalizaba Pablo Ramírez no man a man con Starna, baténdoo por raso.
Os visitantes seguían levando a iniciativa, pero O Parrulo contaría cunha gran oportunidade de igualar a contenda tras un penalti por unha man tras revisar no VIR. Penezio sería o encargado de executala, pero Chemi conseguiría deter o lanzamento. Tras esta ocasión, os ferroláns recibirían un mazazo co segundo tanto visitante cando Pablo Ramírez virábase maxistralmente dentro da área e superaba a Starna para poñer con dous goles por diante aos seus. Minutos despois deste revés, Gonzalo acendería as chamas da esperanza cun bonito gol dentro da área, revolvéndose ben na área de Chemi e picando o balón por encima do gardameta para apertar o encontro. O Cartagena solicitou VIR por unha suposta falta previa, pero tras revisar os colexiados a acción, o tanto subiría igualmente ao electrónico. O VIR sería novamente protagonista por unha acción sobre o propio Gonzalo, na que O Parrulo reclamaba a vermella, pero os árbitros decretaban que non pasou nada.
Co resultado de 1-2, os dous conxuntos tomarían camiño dos vestiarios tras unha gran primeira de moito fútbol, con oportunidades en ambas as metas e cun resultado que deixaba todo aberto para o segundo tempo.
Tras a continuación, o ritmo era frenético. O Cartagena trataba de mover o balón en busca dos espazos ante un O Parrulo moi intenso defensivamente que buscaba roubar a pelota rápido e saír á contra. Os locais contarían cunha ocasión moi clara de Jhoy, que quedaba só ante Chemi, logrando este deter o intento de vaselina. Posteriormente, nunha contra dos visitantes, Osamanmusa estrelaría un lategazo no pau do arco defendido por Starna, e minutos despois Cortés replicaría contra a base do poste.
O Parrulo subiu os decibeis da Malata cando Turbi conseguía roubar un balón a Cortés, quedando nun dous contra un, cedendo para Penezio que se resarcía do penalti marrado poñendo a igualada no marcador no ecuador do segundo tempo.
Co partido empatado, os dous equipos demostraban que o conformismo non forma parte do seu dicionario e lanzábanse en busca da vitoria. O Cartagena xeraba máis perigo que os galegos, que aguantaban estoicamente as arremetidas do seu rival en busca dunha oportunidade para contragolpear con rapidez. Tras varias boas intervencións de Starna, Turbi tívoa nas súas botas tras unha boa saída do Parrulo, pero a defensa conseguía rexeitar o disparo no último momento. Tamén Gonzalo protagonizou outra que puxo á xente en pé tras unha xogada individual na que estrelou o seu forte disparo na cruceta a dous minutos para o final.
Os ferroláns plantaron unha muralla numantina nas últimas rabexadas do encontro e puido incluso levarse os tres puntos a trece segundos de que o árbitro pitase o final nun saque de falta de Orzáez ao que non chegou por pouco Gonzalo ao segundo pau. Finalmente, co 2-2, as dúas escuadras repartiríanse os puntos nunha bonita homenaxe ao fútbol sala, demostrando que este equipo está para as grandes noites. O Parrulo afrontará a próxima fin de semana unha nova e esixente proba en liga, visitando a pista do Queixos O Hidalgo Manzanares nun duelo para consolidar sensacións e seguir ancorado nos postos de playoff.
O PARRULO: Mati Starna, Turbi, Vukmir, Diogo e Gonzalo; tamén xogaron Xavi Cols, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Jon, Jhoy, Morgato e Penezio.
JIMBEE CARTAGENA COSTA CÁLIDA: Chemi, Castejón, Tomaz, Pablo Ramírez e Cortés; tamén xogaron Juninho, Waltinho, Mellado, Motta, Jesús, Osmanmusa e Darío.
GOLES: 0-1 Pablo Ramírez (9′), 0-2 Pablo Ramírez (13′), 1-2 Gonzalo (15′) e 2-2 Penezio (29′).
ÁRBITROS: Carlos Panadero, Héctor Mayo, Sergio López (árbitro 3) e Berta García (cronometradora). Amoestaron aos locais Turbi, Iván Rumbo e Gerard Casas (adestrador) e ao visitante Motta.
INCIDENCIAS: Duodécima xornada da Primeira División de Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




