O pasado 17 de novembro de 2025, ás 20:00 horas, celebrouse no Edificio Multiusos de Santa Comba a reunión informativa da Asociación de Fútbol Afeccionado da Costa (ASFACOS).
O encontro contou coa participación de 19 clubs da Costa da Morte, mentres que outros 7 equipos excusaron a súa ausencia. A sesión estivo presidida por Vinto Tajes, presidente da xestora encargada de impulsar o proceso de constitución da asociación, acompañado por José Manuel Pérez, Carlos Lema, Michel Rey, Jesús Ricardo Serrano e Carlos Romero.
Durante a xuntanza, os asistentes puideron coñecer de primeira man os motivos que fundamentan a creación da asociación, así como as propostas consideradas esenciais para a defensa dos intereses do fútbol costeiro. Ademais, houbo espazo para que os clubs presentes realizasen as súas achegas e resolveran dúbidas sobre o proxecto.
Cómpre destacar a colaboración do Concello de Santa Comba, que cedeu o local para a celebración da reunión e manifestou o seu apoio á iniciativa. O alcalde expresou a súa disposición a ofrecer toda a colaboración posible e propuxo que Santa Comba sexa a sede oficial da asociación.
Con este primeiro paso, ASFACOS inicia o seu camiño cara á consolidación como entidade representativa do fútbol afeccionado da Costa da Morte, coa vontade de fortalecer a unión entre clubs, defender os seus intereses e promover o deporte na comarca.
Info e foto: ASFACOS




