VOLEY DUMBRÍA: O Extremadura Cáceres trunca a escala dos de Dumbría, sextos no 2021

O último partido do presente ano 2021 supuxo a cuarta derrota da tempada do Voley Dumbría na Superliga 2 Masculina, grupo A, e con ela non puido mellorar a súa sexta praza que ocupa neste momento na clasificación, unha vez rematada a primeira volta da competición.

Aínda que esa derrota foi dura para os xogadores de Néstor González, xa que foi nun partido disputado no pavillón Las Palmeras, de Cáceres, fronte ao Extremadura Cáceres PH, que se resolveu cun tie-break moi axustado, que puido caer de calquera lado.

Desa forma cortouse un refacho de tres vitorias consecutivas (La Laguna de Tenerife, 3-1; Almendralejo Extremadura, 2-3, e Vigo Voleibol, 3-0), que o poderían levantar á cuarta praza aos xogadores da Costa da Morte. De todas formas, o equipo experimentou unha gran reacción durante a campaña, debido a que comezou a mesma da peor maneira posible. Tres derrotas consecutivas fronte ao Téxtil Santanderina, o máximo favorito (0-3), Extremadura Grupo Laura Otero (3-2) e CyL Palencia 2022 (3-0).

A competición renovarase o próximo día 15 de xaneiro e ao Voley Dumbría corresponderalle desprazarse á localidade cántabra de Cabezón de la Sal, para medirse ao líder e máximo favorito esta tempada e na que milita o xogador saído da canteira da Costa da Morte, o líbero ceense e internacional Unai Larrañaga Ledo.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas