O Parrulo deixa boas sensacións a pesar da derrota ante o Real Betis

O Parrulo despide a pretemporada plantando cara ao conxunto de Primeira Real Betis, que conquistou o IV Trofeo Cidade de Ferrol tras impoñerse no feudo ferrolán por 2-3.

Os de Gallego formaron o quinteto inicial con Coro, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Aitor e Adri, mentres que os de Bruno García saíron con Molina, Piqueras, Lin, Pedro Toro e Raúl Jiménez.

Aos tres minutos de xogo o Betis marcaría o primeiro da noite cunha xogada persoal de Pedro Toro chegando ata a liña de fondo de deixando o balón atrás para que marcara a pracer Piqueras.

Reaccionou rápido O Parrulo con dúas oportunidades moi claras nas botas de Charly, pero os seus disparos marcharon fóra por moi pouco. Minutos despois Ator poñería aos afeccionados en pé tras picar o balón por encima de Molina, pero o disparo pegaba no traveseiro.

Pasaban os minutos e o conxunto ferrolán levaba a iniciativa e finalmente encontrou premio tras un xogadón do eterno Adri, que superaba o seu marcaxe e deixaba para que Pansi fusilara a portería defendida por Molina.

Pouco durou a alegría tras unha rigorosa falta sinalada polo colexiado e que deixaba unha oportunidade clara para o Betis. Lin sacaba a falta e Raúl Jiménez anotaba o segundo dos andaluces cun forte disparo desde a frontal do área. Na seguinte xogada tras o tanto bético O Parrulo rozaría o empate cun disparo de Turbi, pero o balón golpeaba o traveseiro.

O Parrulo buscaba o empate e estaba a levar o control do xogo, pero o Betis daría un novo golpe co terceiro tras un contragolpe liderado por Roger e que el finalizaría anotando un novo tanto para o conxunto bético. Este tanto deixaría algo tocado aos ferroláns nos minutos finais e Negro incluso sacaría un gol seguro baixo os paus evitando o cuarto.

Co 1-3 marchariamos ao descanso nunha gran primeira parte entre os dous conxuntos. O Parrulo deixaba moi boas sensacións e plantaba cara ao conxunto de Primeira Futsal nos primeiros vinte minutos de encontro.

Comezaba o segundo tempo e aos dous minutos moi malas noticias para o conxunto ferrolán, pois Adri lesionábase do xeonllo e tiña que marchar aos vestiarios.

O partido estaba moi aberto con ambos os dous conxuntos loitando por levar o control do xogo. Nunha contra os ferroláns puideron recortar distancias tras un roubo de Aitor que deixaba para Charly no man a man co porteiro visitante, pero Raúl Sánchez lograba rexeitar. Pero na seguinte xogada O Parrulo non fallaría e tras un centro forte de Aitor, Piqueras trata de rexeitar, pero o balón termina dentro da portería bética.

Con catro minutos en xogo, o Betis cargábase con cinco faltas e cos ferroláns completamente asediando a portería rival en busca do empate cunha presión moi alta. Aitor sairía de porteiro -xogador e deixaba dous disparos moi fortes, pero Rául Sánchez lograba rexeitar con dous paradóns co que o partido chegaría ao final con vitoria para o Betis por 2-3 que conquistaba o IV Trofeo Cidade de Ferrol.

Moi boas sensacións de O Parrulo antes de comezar a liga plantando cara a todo un conxunto de Primeira Futsal como é o Real Betis e con este encontro os ferroláns despiden a pretemporada.

O PARRULO: Coro, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Aitor e Adri; tamén xogaron Álex Moniño, Charly, Negro, Pedro, Novoa, Pansi, Felipe Otto e Turbi.

REAL BETIS: Molina, Piqueras, Lin, Pedro Toro e Raúl Jiménez; tamén xogaron Lemine, Raúl López, Roger, Rafa López, Pablo Muñoz, Pablo Otero, Cristian, Ivi e Raúl Sánchez.

GOLES: 0-1 Piqueras (3′), 1-1 Pansi (10′), 1-2 Raúl Jiménez (11′), 1-3 Roger (17′) e 2-3 Piqueras (32′ en propia).

ÁRBITROS: Borja Darriba Villamor, Héctor Vilas López e Eva López Seijas como asistente. Amoestaron ao local Adri e aos visitantes Pedro Toro e Ivi.

INCIDENCIAS: Partido correspondete ao IV Trofeo Cidade de Ferrol celebrado no pavillón A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas