Os ferroláns lograron un novo triunfo en casa por 5-1 ante o CDE El Valle e xa ocupan o segundo posto da Segunda Federación Futsal.
Os de Marrube comezaron moi fortes o encontro e no primeiro minuto de xogo adiantábanse co gol de Hélder cun forte disparo ao que nada puido facer Monroy e novamente un minuto despois os ferroláns marcarían o segundo tanto por medio de Kevin Chis tras rematar nun saque de esquina dos locais.
O Parrulo estaba a dominar o partido, pero pouco a pouco os visitantes comezarían a chegar con perigo á portería defendida por Coro, aínda que os locais tamén gozarían de oportunidades para lograr maior vantaxe no marcador con chegadas de Domingos, Adri e Rumbo.
O CDE El Valle recortaría distancias no marcador por obra de Dani Gómez no 12′ tras aproveitar un rexeite na área local e a partir do gol, o partido tería moitas oportunidades en ambas as porterías, pero o resultado non se volvería a mover ata o descanso.
O segundo tempo comezaría como o primeiro, cun Parrulo dominador que marcaría no primeiro minuto, nesta ocasión por medio de Iván Rumbo ao rematar no segundo palo un saque de esquina.
Novamente sería Rumbo quen nunha xogada parecida ao terceiro gol, volvería a marcar no 30′, poñendo ao Parrulo con 4-1 a favor no marcador.
Os minutos pasaban con dominio local con algunhas chegadas visitantes que Coro lograba deter e moitas oportunidades locais ata chegar o quinto do Parrulo e hattrick de Iván Rumbo no 39′ con golazo tras disparar a escuadra.
O partido remataría co 5-1 a favor do Parrulo, que suma unha nova vitoria e continúa invicto na casa.
RESULTADO: O Parrulo Ferrol 5-1 CDE El Valle
O PARRULO FS: Coro, Iván Rumbo, Adri, Hélder e Kevin Chis; tamén xogaron Rubén Orzáez, Pedro, Charly, Domingos, Turbi e Keita.
CDE EL VALLE: Monroy, Gonzalo, Hurta, Hugo e Manu Cebrián; tamén xogaron Víctor López, Charly, Dani Gómez, Galende, Javi Marín, Rubio e Cuadrado.
GOLES: 1-0 Hélder (1′), 2-0 Kevin Chis (2′), 2-1 Dani Gómez (12′), 3-1 Iván Rumbo (20′), 4-1 Iván Rumbo (30′) e 5-1 Iván Rumbo (39′).
ÁRBITROS: Félix Daniel Miguel e Rubén Miguel (Castela e León). Amoestaron polos locais a Pedro, Rubén Orzáez, Hélder e o segundo adestrador Melo e polos visitantes a Hurta, Víctor López, Manu Cebrián e o adestrador Pedro Fernández.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 7ª xornada disputado no Pavillón de A Malata.