Os ferroláns non iniciaron con bo pé o 2024 tras caer por segundo partido consecutivo en casa ante o Wanapix Sala 10 por 1-4 correspondente á 16ª xornada da Segunda División de Fútbol Sala.
O Parrulo disputou a 16ª xornada de novo en casa recibindo a un rival directo na loita polos postos de ascenso como o Wanapix Sala 10. O quinteto do conxunto ferrolán dirixido por Gallego saíu con Coro, Negro, Rubén Orzáez, Iván Rumbo e Domingos, mentres que Jorge Palos formou o seu equipo de inicio con Bernad, Óscar Villanueva, Mateo Flores, Pablo Ibarra e Adrián Ortego.
O partido non comezou ben para o conxunto ferrolán ante uns visitantes que saíron con moita intensidade, disparando ao traveseiro e que Coro lograba despexar. Aos trinta segundos, o Wanapix adiantaríase no marcador cun lategazo colocado ao pau de Adrián Ortego. Os de Jorge Palos seguían apertando e gozaron doutra boa ocasión que salvou Coro cunha man de puro reflexo. O Parrulo quitouse un pouco a presión dos rivais e puxo a proba a Bernad cun disparo de Domingos que o porteiro logrou rexeitar.
As cousas ían complicar aínda máis cando nun saque de esquina Adrián Rivera enganchou unha volea que enviou ao fondo da portería defendida por Coro para poñer o segundo no marcador. O Parrulo, lonxe de vir abaixo, lanzouse ao ataque en busca da remontada e Aitor tivo a oportunidade cun disparo a media altura que sacou Bernad no último momento cunha gran parada.
Cando o encontro estaba a chegar ao ecuador, Álex Moñino lesionouse tras unha entrada sufrida na metade da cancha. O Parrulo deu un paso adiante e chegaba con máis claridade á área rival, creando ocasións como un disparo de Novoa ao que non chegou Keita por moi pouco para rematar de cabeza en liña de gol.
A falta de cinco minutos para finalizar o primeiro tempo saíu a pista a nova fichaxe de O Parrulo, Lucas Francini, que recibiu unha sonora ovación por parte da bancada. Cando mellor estaban os ferroláns na pista volveron recibir un duro mazazo cunha contra que finaliza Óscar Villanueva rematando no segundo pau para poñer o terceiro tanto da tarde.
Co 0-3 en contra os equipos marcháronse aos vestiarios tras unha primeira parte na que os visitantes foron superiores con moita efectividade en ataque. O Parrulo tivo oportunidades para marcar, pero atopáronse con Bernad baixo paus como un muro.
A segunda parte comezou cunha boa chegada de O Parrulo tras unha condución de Aitor e que finaliza Hélder cun disparo a media altura que rexeita Bernad. Os de Gallego buscaban un gol temperán que lles metese de novo no partido, pero de novo volvería golpear o Wanapix nun lanzamento a balón parado que executa Adrián Ortego e que Coro non logrou atallar. O Parrulo non baixaba os brazos para pesar do resultado e tentábao con disparos afastados, pero unha e outra vez topábanse con Bernad.
O Parrulo cargábase con cinco faltas cando restaban dez minutos para finalizar o encontro, mentres que o Wanapix estaba con catro. Iván Rumbo roldou o primeiro tanto ferrolán cun disparo raso, pero de novo Bernad lograba rexeitar no último instante. Tras esta ocasión, O Parrulo cometería falta que supoñería dobre penalti, sendo o encargado en lanzalo Rivera, pero Coro detívoo cunha boa man dura. Os visitantes volverían ter un novo dobre penalti, esta vez sendo o encargado Ortego, pero de novo Coro lograría despexar.
Sen nada que perder con dous minutos por xogarse, O Parrulo saíu con Rubén Orźaez como porteiro-xogador. Os ferroláns non conseguían anotar estrelándose unha e outra vez contra Bernad ata que finalmente nunha dobre ocasión Aitor conseguiu fusilar e marcar o gol da honra.
O partido chegou ao seu fin co 1-4, sumando a segunda derrota consecutiva en casa e neste inicio de 2024. Na próxima xornada O Parrulo visitará o Polideportiu Insular Blancadona para medirse á UD Ibiza Gasifred o sábado ás 18:30 horas.
O PARRULO: Coro, Negro, Rubén Orzáez, Iván Rumbo e Domingos; tamén xogaron Aitor, Novoa, Álex Moñino, Hélder, Francini, Keita e Turbi.
WANAPIX SALA 10: Bernad, Óscar Villanueva, Mateo Flores, Pablo Ibarra e Adrián Ortego; tamén xogaron ALberto Inés, Richi Felipe, Adrián Rivera, Tomás Pescio, Carlos Retamar e Diego Mercado.
GOLES: 0-1 Adrián Ortego (1′), 0-2 Adrián Rivera (5′), 0-3 Óscar Villanueva (18′), 0-4 Adrián Ortego (28′) e 1-4 Aitor (39′).
ÁRBITROS: Ander Garrido Cordón, Borja Reguera Prieto, Iván Feliz Otero (3º) e Berta García Vázquez (cronometradora). Amoestaron aos locais Rubén Orzáez e Coro, e aos visitantes Adrián Rivera e Carlos Retamar.
INCIDENCIAS: Partido da 15ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.