Presentación do Torneo sub-11, sub-13 e sub-14 de seleccións comarcais de fútbol 8 e fútbol 11

Onte presentouse no Conco, Dumbría, o Campionato Galego de seleccións comarcais de fútbol 8 e fútbol 11 das categorías sub-11, sub-13 e sub-14.

O torneo disputarase os días 12 e 13 de febreiro, coincidindo co luns e martes de entroido, nos campos do Conco (Dumbría) e de San Paio de Refoxos (Cee).

A Real Federación Galega de Fútbol, o CF Dumbría e o Concello levan traballando un mes arreo na organización deste evento deportivo no que se darán cita nenas e nenos das 7 delegacións galegas de fútbol: A Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra; e da subdelegación da Costa.

Juan Villamisar, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol: “O CF Dumbría é un exemplo de club no seu traballo coas bases. Sempre que precisamos, pedimos a súa colaboración e a do Concello para este tipo de eventos”.

Silvia Cancela, portavoz da xunta directiva da RFGF: “Grazas ao Concello e ao CF Dumbría. Traer un campionato a Dumbría é xogar en sitio seguro porque contades coas mellores instalacións. Neste tipo de torneos comarcais é onde se reflicte o traballo de base do fútbol modesto, onde toda a rapazada pode gozar de algo así, facendo o que máis lles gusta. Segunda ocasión para ver a selección feminina da Costa”.

Manuel G. Corredoira, delegado territorial da Coruña da RFGF: “O luns, en Dumbría, teremos a fase feminina de F8 e o martes a fase masculina de F8, coas 7 delegacións galegas e a subdelegación da Costa. O martes, teremos o F11 en Cee porque precisamos dous campos en funcionamento ao mesmo tempo”.

Raúl González, alcalde do Concello de Dumbría: «Dumbría é Deporte. Cando se nos propón a oportunidade de organizar calquera competición deportiva, estamos sempre coas portas abertas a recibirvos. E atrévome a dicir que en Dumbría xogades sempre en terreo seguro porque temos instalacións, capacidade de organización e, sobre todo, moitas ganas de facer cousas e facelas ben”.

César Ferrío, presidente do CF Dumbría: “Desde o CF Dumbría desfrutamos organizando os torneos de F8, que reúnen as familias en torno ao deporte nunha xornada de celebración e convivencia”.

Foto: Concello de Dumbría

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas