O Parrulo Ferrol asinou con boa nota o seu último test de pretempada ao superar por 3-2 o Noia Portus Apóstoli nun bonito derbi disputado no pavillón de A Malata. O encontro serviu como derradeiro ensaio para ambos os conxuntos antes de afrontar o inicio do campionato nacional e deixou un duelo intenso, competido e con momentos de gran fútbol.
Antes de que comezase a acción sobre a pista, Javi Masaguer, micro en man, foi o encargado de presentar un por un todos os integrantes do conxunto ferrolán, nunha presentación que serviu como antesala dun derbi que non defraudou. Xa co balón en xogo, Gerard Casas apostou de inicio por Caio César, Lucas Farias, Novoa, Yan Matheus e Diogo, mentres que David Palmas puxo en pista a Di Fanti, Mykytiuk, Charly, Biel e Thierry.
O Parrulo entrou mellor no partido, ben situado sobre a pista e exercendo unha presión alta que dificultaba a saída de balón do Noia. Os locais foron os primeiros en avisar con perigo sobre a portaría de Di Fanti, con Novoa e Diogo como protagonistas das primeiras aproximacións. Co paso dos minutos, con todo, o conxunto visitante conseguiu sacudirse a presión e comezou a achegarse con perigo á meta defendida por Caio César. O porteiro ferrolán tivo que empregar a fondo para evitar o tanto de Altamirano, sacando un magnífico pé.
Foi entón cando O Parrulo golpeou primeiro. Novoa recolleu un balón lonxe da área e, sen pensalo dúas veces, soltou un auténtico trallazo que se converteu nun disparo inapelable para Di Fanti. O 1-0 facía xustiza ao bo inicio dos locais. A resposta do Noia puido chegar practicamente de inmediato. Un resbalón provocou unha perda de balón e Dani Colón aproveitouna para probar fortuna, pero o disparo acabou estrelándose no pau, mentres Caio César tamén contribuía a evitar o empate. Na outra área, Rubén Orzáez tivo unha boa oportunidade para ampliar a vantaxe, pero Di Fanti estivo moi atento para impedir o segundo tanto ferrolán.
E entón chegou un dos momentos máis fermosos da tarde. Unha desas accións capaces de poñer en pé a calquera amante do fútbol sala. Biel picou o balón por riba de Quelle e, sen deixar que a pelota chegase a tocar o chan, David Pazos empalmouna desde lonxe. O disparo saíu coma un raio cara á portaría de Caio César e acabou no fondo das redes para establecer o 1-1.
Antes do descanso, O Parrulo aínda puido recuperar a vantaxe nunha boa acción de Rubén Orzáez, pero o seu disparo marchou rozando o pau. Con táboas no marcador, ambos os equipos tomaron o camiño dos vestiarios despois dunha primeira metade trepidante.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo a súa igualdade. Os dous equipos loitaron con intensidade por facerse co control do xogo, nunha segunda parte marcada pola disputa e o equilibrio.
O choque comezou a decantarse cando Thierry viu a segunda tarxeta amarela e deixou o Noia en inferioridade numérica. O Parrulo non desaproveitou a oportunidade e apenas tardou en volver poñerse por diante. Novoa, novamente protagonista, sacou outro dos seus latigazos para facer o 2-1 e poñer de novo por diante aos locais. O propio Novoa tivo pouco despois a oportunidade de completar o seu particular hat-trick, pero Di Fanti respondeu cunha soberbia intervención para manter con vida o conxunto visitante. O Parrulo atoparía o terceiro nunha acción na que Jhoy apareceu no segundo pau para rematar e enviar o balón ao fondo das redes con certo suspense. O 3-1 poñía o partido moi de cara para os de Gerard Casas.
Pero Jhoy acabaría sendo protagonista de novo, nesta ocasión por motivos ben diferentes. O xogador ferrolán viu a segunda amarela e deixou tamén ao seu equipo en inferioridade numérica. O Parrulo soubo sufrir e resistiu durante boa parte do tempo os arreóns dun Noia que buscaba recortar distancias. Finalmente, os visitantes atoparon o premio nun disparo de Macedo que colleu por sorpresa a Palazón e puxo o 3-2 no marcador. Con apenas tempo para máis, o Noia dispuxo dunha última oportunidade para rescatar o empate. David Pazos apareceu en posición perigosa, pero esta vez Palazón fíxose enorme baixo paus e voou para realizar unha magnífica parada que asegurou o triunfo ferrolán.
Deste xeito, O Parrulo Ferrol pecha a súa pretempada cunha vitoria de prestixio ante un rival da entidade do Noia Portus Apóstoli e chega ao inicio da competición oficial con boas sensacións. A estrea oficial dos de Gerard Casas terá lugar o domingo 13 de setembro, na primeira xornada do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, a partir das 16:30 horas, no pavillón de A Malata.
Foto: sadmoody241




