Gran partido de O Parrulo para levar os tres puntos tras vencer 6-1 ao Mengíbar con varios goles que foron obras de arte.
O quinteto inicial de Gallego estivo formado por Coro, Rubén Orzáez, Adri, Keita e Charly, mentres que os de Javier Roca saíron con Jorge, Luque, Colacha, Karim e Ureña.
O partido arrincou con intensidade, cos ferroláns mellor na cancha e dominando o xogo, xerando ocasións con disparos de Charly, Adri e Novoa que Jorge rexeitou. Aos seis minutos de xogo Aitor tivo unha nova boa oportunidade cunha xogada individual que termina con disparo e que de novo salva Jorge cunha boa estirada. O Parrulo asediaba e tivo outra ocasión moi clara tras un xogadón de Adri e que Keita non logra rematar no segundo pau.
A falta de sete minutos para chegar ao descanso, Ureña era expulsado durante o tempo morto tras ver o segundo cartón amarelo por facer mal un cambio, polo que os andaluces non quedaban en inferioridade no terreo de xogo. O Parrulo tivo unha moi clara nunha xogada que naceu nas botas de Aitor, que marchou do seu marcador, disparou ao segundo pau e Charly remataba ao traveseiro.
Os andaluces arriscaron os últimos minutos con porteiro-xogador buscando a superioridade ofensiva, pero foi O Parrulo quen sacou proveito da situación cando a falta de menos dun minuto, Iván Rumbo roubaba o balón e marcaba desde o seu campo. O Mengíbar xa non tería tempo de armar un último ataque e o partido marchaba ao descanso con vitoria dos ferroláns por 1-0.
No inicio do segundo tempo O Parrulo marcaba tras un saque de esquina de Adri que remata Charly, rexeita o porteiro e Negro anotaba, pero o colexiado anulaba o tanto por unha man dentro da área. O Parrulo controlaba o partido e asediaba de novo a portería rival e tivo o segundo con outra boa ocasión cun pase de Aitor a Keita que non logra conectar para facer o segundo.
Os ferroláns encontrarían o premio nun saque de falta provocado por Pedro. Rubén Orzáez sacaría a falta pasando o balón para Aitor, que cun disparo seco e forte superaba ao cancerbeiro para facer o 2-0. Os de Gallego estaban sendo moi superiores e non tardarían en facer o terceiro con Aitor outra vez como protagonista ao dar nesta ocasión a asistencia para Pedro que remata na liña de gol.
Co Parrulo desatado en ataque chegaría un dos golazos do día cando Iván Rumbo marcha de dous rivais e no man a man supera con moita calidade ao porteiro para facer o cuarto dos ferroláns.
O Mengíbar buscaba recortar distancia co porteiro-xogador e sacou proveito cunha xogada individual de Dani Martín que encara a Coro e bate por abaixo para facer o 4-1.
Os andaluces presionaban moi arriba a saída dos locais, pero Adri filtrou un balón para que Rubén Orzáez marcase con outro golazo tras facer un sombreiro ao porteiro e marcar a portería vacía. E tan só un minuto despois Iván Rumbo anotaba o seu hat-trick con outro auténtico golazo tras recibir de costas e bater ao porteiro cun toque sutil para poñer o 6-1 no marcador.
O PARRULO: Coro, Rubén Orzáez, Adri, Keita e Charly; tamén xogaron Pedro, Aitor, Novoa, Iván Rumbo, Negro, Domingos e Felipe Otto.
OLEOINNOVA MENGÍBAR: Jorge, Luque, Colacha, Karim e Ureña; tamén xogaron Tortu, Vacas, Puerma, José Gómez, Ruano, Álex Lérida, Dani Martín e Benítez.
GOLES: 1-0 Iván Rumbo (19′), 2-0 Aitor (26′), 3-0 Pedro (27′), 4-0 Iván Rumbo (30′), 4-1 Dani Martín (36′), 5-1 Rubén Orzáez (37′) e 6-1 Iván Rumbo (38).
ÁRBITROS: Rubén Miguel Velasco, Jesús Montero Galán e Marcos Noya Pardo. Amoestaron ao local Coro e aos visitantes Luque, Benítez e Javier Roca (adestrador) e expulsaron por dobre cartón a Ureña.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á cuarta xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.