O Valdetires incorpora experiencia e talento coa fichaxe de Dany Domingos

O Valdetires Ferrol continúa reforzando o seu proxecto deportivo coa incorporación de Dany Domingos, unha das xogadoras con maior traxectoria e prestixio do fútbol sala feminino español.

A chegada da internacional española supón un importante salto de calidade para a entidade ferrolá, que suma ás súas filas unha futbolista con máis de dúas décadas competindo ao máis alto nivel.

Gran parte da súa carreira desenvolveuse na máxima categoría do fútbol sala nacional, estando estreitamente ligada ao histórico club Burela FS, unha das referencias do panorama estatal. Agora, Dany abre unha nova etapa deportiva en Ferrol, onde achegará a súa experiencia, liderado e coñecemento da competición.

A xogadora tamén foi protagonista dun dos momentos máis destacados da historia recente deste deporte ao formar parte da selección española que participou no primeiro Mundial oficial de fútbol sala feminino, celebrado en 2025. Este fito engádese a un extenso currículo no que figuran numerosos títulos nacionais e internacionais, así como a conquista do Campionato de Europa coa selección española.

Ao longo da súa dilatada carreira, Dany Domingos consolidouse como unha das figuras máis recoñecidas e respectadas do fútbol sala feminino, converténdose nun referente para varias xeracións de xogadoras grazas ao seu rendemento, regularidade e compromiso coa modalidade.

Desde o Valdetires destacan que a súa incorporación representa moito máis que un reforzo deportivo, xa que suma ao vestiario unha futbolista cunha enorme bagaxe competitiva e unha ampla experiencia en escenarios de máxima esixencia.

Nas súas primeiras declaracións como xogadora do conxunto ferrolán, Dany mostrou a súa satisfacción por este novo desafío: «Estou contenta de formar parte deste club e con ganas de achegar toda a miña experiencia no fútbol sala para axudar ao crecemento do club.»

Coa chegada de Dany Domingos, o Valdetires dá un paso adiante na construción dun proxecto ambicioso, incorporando unha xogadora de referencia chamada a ser unha das pezas clave da próxima tempada e únese á volta de Carol Senra e as renovacións de Irene Cela, Iria Santos, Valeria Montero e María Lence.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas