O xadrez volve por partida dobre a Carballo coa oitava edición do Aberto de Xadrez Clásico e a terceira do Torneo Maxistral

Carballo acollerá do 31 de agosto ao 5 de setembro o VIII Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO FIDE clásico, no que se utilizará o formato clásico a 7 roldas e no que se repartirán 2.000 euros en premios.

O prazo de inscrición está aberto ata o sábado 30 e agárdase superar o medio cento de participantes. De xeito paralelo disputarase o III Torneo Maxistral O Toque Xiria, un encontro de aspirantes a mestres no que haberá moitísimo nivel e unha ampla representación galega.

O Toque Xiria organiza un ano máis estas dúas competicións, que presentamos hoxe na casa do concello coa presenza de tres representantes do club, Óscar de Prado Rodríguez, Jorge Varela Queijo e Jesús Cotelo Taibo; ademais do concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e do alcalde, Evencio Ferrero, que destacaron o auxe do xadrez en Carballo e o bo nivel dos/as participantes.

No Aberto agárdase contar cunha nutrida representación local, pero nesta ocasión a competición traspasa fronteiras, xa que, a falta das últimas inscricións, xa está confirmada a participación dun xogador de Burundi e de varios de Francia. Nesta oitava edición, o torneo puntúa para os circuítos galego e intercomarcal da Deputación. Os detalles, nesta ligazón.

A diferenza do Aberto de Xadrez Clásico, no que poden participar todas as persoas afeccionadas que o desexen, o Maxistral é un torneo pechado, o único destas características que se celebra en Galicia. Nesta terceira edición repetirán os GM (gran mestre) Aleksa Strikovic (Serbia) e Vladimir Petkov (Bulgaria). A representación internacional complétase co IM (mestre internacional) mexicano Sion Radamantys Galaviz Medina e o FM (mestre Fide) sudafricano Banele Mhango. Entre os representantes nacionais hai tres FM: Diego Cacheiro Blanco, Xulio Del Prado Rodríguez e Cristian Silva Lucena, e outros tres aspirantes: Breixo Longueira Alonso, Eduardo Cabanas López e David Cernadas Cameán. “Son xuvenís fortes intentando aspirar a mestres. Para eles este torneo pode ser un empurrón”, indicou Óscar de Prado. Toda a información sobre o torneo maxistral, aquí.

Do 31 de agosto ao 5 de setembro, achégate ao mercado municipal e engánchate ao xadrez!

Info e foto: Concello de Carballo

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde