Os tiradores dumbrieses: O tiro costeiro está sempre ben representado polos irmáns Fabián e Víctor Domínguez

O tiro é deses deportes que perduran na historia e nunca pasan de moda, entretido pola súa dificultade e alta capacidade de concentración, así como pola súa versatilidade grazas ás múltiples modalidades das que dispón. A Costa non se quixo quedar fóra deste deporte e conta con dous tiradores de elite como son os irmáns dumbrieses, Fabián Domínguez e Víctor Domínguez, que contan cun dilatado palmarés.

No caso de Fabián, na modalidade de foso olímpico foi tres veces campión galego, dous de regularidade, tres por equipo, tres por categorías, ten catro Copas de Galicia, unha Copa de España por equipos e foi quinto na Copa de España; en foso universal foi unha vez campión galego e en dúas ocasións de regularidade; en minifoso foi dúas veces campión galego; en dobre trap unha vez campión galego; gañou catro Copas de Galicia na modalidade de tiro ao voo (pichón) e tres veces campión galego de hélices. O seu irmán Víctor conquistou catro campionatos galegos de foso olímpico, un de foso universal, dúas Copas Galicia, cinco campionatos galegos de regularidade de foso olímpico, un campionato galego de regularidade de minifoso, oito campionatos galegos de equipos de foso olímpico, unha Copa de España en segunda categoría de foso olímpico e o titulo de mestre tirador.

Como naceu a vosa paixón por este deporte?
FDG: A miña paixón por este deporte naceu polo meu pai, a el gústalle moito a caza e as armas, e de aí saíu todo, e polo tanto, eu seguín os seus pasos.
VDG: Desde moi cativo xa empecei acompañando ao meu pai aos campionatos, gustábame moito e xa empecei a tirar con 14 anos e ata agora.

Que momento da vosa carreira foi o máis especial?
FDG: Teño varias, pero sen dúbida, a que máis me emocionou foi o meu primeiro campionato nacional que disputei, no ano 2013, en Badajoz. Fun á Copa de España, con 22 anos, e fun o primeiro galego en entrar no playoff dun campionato nacional, quedando quinto de España da clasificación xeral.
VDG: O meu momento máis especial neste deporte foi cando me nomearon Mestre Tirador despois de conseguir as marcas a nivel nacional.

Como estades a ver o crecemento deste deporte na Costa?
FDG: Pois desde que abriu o campo de tiro de Pino de Val en Mazaricos, vexo moitos rapaces, a maioría cazadores, que se interesan polo tema, ademais, sabendo que practicando este deporte darache maiores satisfaccións nos lances de caza. É un deporte moi complicado psicoloxicamente, pero tamén o fai bonito.
VDG: Tanto na Costa, como a nivel galego, é un deporte minoritario, custa moito ver a mozos comezar. Aquí na Costa, nos últimos anos, abriron un campo de tiro no Concello de Mazaricos.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas