PITI: Colgará as botas

Colgará as botas na UD Monte Louro ao finalizar a tempada despois de cumprir un do seu maiores desexo, xogar co seu fillo, Iker.

Juan A. Lado León, “Piti” (Muros, 1976) colgará as botas ao finalizar a presente campaña 2021-2022 nas filas da UD Monte Louro. E farao despois de cumprir un dos seus maiores desexos, xogar á beira do seu fillo, o tamén dianteiro Iker Lado Sande, de 22 anos. Piti é un deses futbolistas que non se repiten na liga da Costa e nunca pasou desapercibido sobre o terreo de xogo fose co equipo que fose. É un xogador rebelde, intuitivo, goleador e sempre xenial. Acenos de identidade que o marcaron desde os 16 anos cando comezou a xogar no Muros CF. E o lembra moi ben: “Empecei aos 16 anos no Muros adestrando cos xuvenís, e no que xogaría despois no equipo maior”. Outra característica que marcou ao noso protagonista non é menos curiosa: “Creo que nunca xoguei máis de dúas tempadas seguidas no mesmo club”. Do Muros CF, no que estivo catro campañas, lembremos, nunca seguidas, foise para o Lira CF, por alí estaba un home que o marcaría para sempre, Alfredo Cambeiro. Ao deixalo o adestrador, despois de dúas campañas, foise tamén e puxo o seu fútbol co Soneira SD (dúas tempadas e media). Non chegou a cumprir a terceira campaña polo falecemento do seu pai. A traxectoria de Piti alongouse na UD Monte Louro (dúas campañas), o Volantes de Baño (2), os Veteranos do Muros (2), os Veteranos do Soneira (2), ata chegar á actualidade na UD Monte Louro, no que completará a súa terceira tempada, pero, loxicamente, como sempre na súa traxectoria, de forma alterna e nunca seguidos máis de dous anos.

Piti irase moi contento cando chegue o seu último encontro este curso, debido a que “Nunca pensei que coincidiría co meu fillo xogando ao fútbol no mesmo equipo” e iso si que foi o mellor gol que marcou na súa longa e intermitente traxectoria deportiva. O primeiro foi na pretemporada fronte ao Fisterra: “Para min, xogar o seu lado e algo que me deixa sen palabras”. Iso despois repetiuse ao longo da presente campaña ligueira. Tamén Piti séntese moi orgulloso de que a súa filla, Nuria, de 16 anos, acuda ao campo para velos xogar.

O dianteiro ten moi claro: “Este si que é o meu último ano xogando ao fútbol”.

Esta tempada Piti tamén foi noticia, e non por un dos seus goles máis espectaculares, senón porque se puxo as luvas de porteiro e foi fronte ao Camariñas CF, no campo Irmás Patiño (1-1). E non só estivo baixo os paus, senón que realizou dúas boas intervencións, evitando así a derrota dos seus. De cancerbeiro, Piti tamén lembra: “A primeira vez que xoguei de porteiro foi nun Atlético Mineiro – Lira. Perdéramos 1-0” e antes de volver facelo en Camariñas, esta campaña, foi a terceira vez que o fixo, xa que antes formou nesa demarcación no UD Monte Louro – Muros (1-1) e no UC Cee – UD Monte Louro (2-2).

Piti recibiu o número 13 de Bisbarra en xogo ao ser un dos nosos protagonistas

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucía Rivas: de verde a laranxa

Lucía Rivas finalizou a súa etapa no conxunto verde do Valdetires para enfundarse o laranxa dun Viaxes Amarelle no que compartirá vestiario con coñecidas como

Álex Permuy: cumprindo un soño

Falar de Smash Padel 4 é falar do seu fundador Álex Permuy e unha vida plenamente dedicada ao deporte, coñecido polo seu pasado futboleiro (Numancia