A Real Federación Galega de Fútbol presentou o plan competicional de Preferente con 50 equipos para esta tempada divididos en catro subgrupos, dous no norte e dous no sur.
Un total de 50 equipos, divididos en 2 grupos (Norte e Sur), formarán a categoría Preferente. A súa vez, estes dos grupos estarán divididos en 2 subgrupos cada un (subgrupo norte A, subgrupo norte B, subgrupo sur A e subgrupo sur B).
A SD Fisterra, a UD Paiosaco, o Xallas FC, o Atlético Arteixo e o Laracha CF formarán o grupo Norte subgrupo A xunto a outros 7 equipos, sendo un total de 12 clubes neste grupo.
PRIMEIRA FASE
Os equipos xogarán a dobre volta, clasificándose para o Grupo de Ascenso da 2ª Fase os cinco primeiros de cada subgrupo, mentres que do 6º ao 12º ou 13º clasificado xogarán o Grupo de Permanencia da 2ª fase.
SEGUNDA FASE
A fase de ascenso estará formada por 10 equipos cos 5 primeiros clasificados de cada subgrupo, xogándose a dobre volta e na que os equipos do subgrupo A só xogarán cos do subgrupo B, evitando así enfrontarse aos equipos procedentes do seu mesmo subgrupo na 1ª fase, sendo un total de 10 xornadas.
De conformidade coa orde clasificatoria final da 1ª fase, seralle outorgado aos equipos unha puntuación fixa coa cal iniciarán a 2ª Fase. A clasificación desta segunda fase está determinada mediante o sistema de puntos, establecéndose a clasificación final conforme aos puntos obtidos por cada un dos equipos contendentes, sumados aos puntos fixos outorgados pola orde clasificatoria da primeira fase.
Ascenderán á 3ª RFEF os dous primeros clasificados do Grupo de Ascenso (2 no Norte e 2 no Sur).
O equipo vencedor da eliminatoria (partido único en sede neutral) a disputar entre os equipos clasificados no terceiro posto de cada Grupo de Ascenso (Norte e Sur), ao termo da segunda fase polo ascenso, clasificarase para a Fase Previa da Copa do Rei.
Do 6º ao 12º ou 13º xogarán a fase de permanencia, sendo un total de 15 equipos divididos en 3 subgrupos de 5 equipos cada un e tamén contarán cunha puntuación fixa coa cal iniciarán a 2ª Fase. Os dous últimos clasificados de cada un dos tres subgrupos descenderán.
CALENDARIO
A vindeira semana a Real Federación Galega de Fútbol publicará o calendario completo. Ata o momento, sabemos que a competición comezará o 19 de setembro para os subgrupos B norte e sur, mentres que o 26 de setembro será o turno dos subgrupos A norte e sur, rematando a primeira fase para todos eles o 20 de marzo, comezando a segunda fase o 27 de marzo e rematando o 29 de maio. En canto á eliminatoria para a previa da Copa do Rei, disputarase o 5 de xuño.
Fotos e fonte de información: Real Federación Galega de Fútbol – Futgal