Presentación dos Preeuropeos sub-18 masculinos de voleibol en Dumbría

Os días 12, 13 e 14 de abril, O Conco acollerá os preeuropeos sub-18 en categoría masculina.

Os mini Red Lynxes de España, entre os que se atopan os xogadores locais Iago Larrañaga e Tiago Fernández, encadrados no grupo C, terán que competir contra Alemania, Ucrania e Países Bajos en busca de pechar a competición entre os dous mellores clasificados para asegurar a súa presencia no Campionato de Europa.

Desde o 7 ata o 10 de abril, os xogadores da Selección Española de Fredinson Mosquera estarán xa concentrados en Dumbría e ao longo deses días, xogarán un bilateral amigable contra o combinado portugués.

O torneo preeuropeo U18 Fase 2 disputarase no pavillón municipal do Conco, en Dumbría, desde o venres 12 ata o domingo 14 de abril, nos seguintes horarios:

12 abril:
– 16:30 h Alemania vs Ucrania
– 19:00 h España vs Países Bajos

13 abril:
– 16:30 h Ucrania vs Países Bajos
– 19:00 h Alemania vs España

14 abril:
– 16:30 h Países Bajos vs Alemania
– 19:00 h Ucrania vs España

A entrada ao pavillón será gratuíta.

Para xogar este verán os Campionatos Europeos Sub 18, as seleccións deben acadar algún dos dous primeiros postos nestes Preeuropeos.

DECLARACIÓNS

José Ángel Luna Bargo, vicepresidente da Real Federación Española de Voleibol e presidente da Federación Galega de Voleibol: “En nome da Federación Española e da Federación Galega, agradecer ao Concello de Dumbría por acoller este evento. Como presidente da Federación Galega é un orgullo que Galicia poida organizar este evento internacional. É o froito do bo traballo que se leva anos facendo en Dumbría en materia de voleibol. Como mostra chega ver os xogadores locais que están representando a España nesta e noutras competicións. Animo ao público a encher as gradas do Conco porque poderán ver en xogo ao futuro do mellor volei mundial. Sei que o apoio non vai faltar porque sempre que organizamos algo en Dumbría, o público responde”.

Raúl González Lado, alcalde do Concello de Dumbría: “Este evento é moi importante para Dumbría. Agradezo primeiramente ás federacións, por pensar en Dumbría para algo así. Cando nos dixeron que Dumbría sería a sede, foi unha explosión de alegría porque o deporte situará, de novo, Dumbría no mapa internacional. Ademais, poder competir na casa, significará moito para os dous deportistas locais que participarán neste torneo. Organizar un evento deste calibre é un gran reto para nós. Contamos cunha traxectoria xa organizando cousas grandes en voleibol, cunha Copa Príncipe, cunha fase de ascenso a Superliga 1. É de valorar o gran labor do club, da súa xente, do persoal do concello, etc., porque grazas a todos eles, á súa dedicación e traballo, todo isto é posible. Este evento internacional vén reforzar o papel de Dumbría como capital comarcal do deporte. Unha vez máis o deporte volve ser motor económico de toda a comarca, xa que este evento traerá aquí a moita xente ao longo de toda a semana. Quero animar á veciñanza comarcal a que se achegue ata Dumbría para ver en directo esta competición. E destacar que a entrada ás instalacións será gratuíta”.

Iago Larrañaga Ledo, xogador do Club Volei Dumbría e convocado pola Selección Española Sub-18, (Dumbría, 2007): “É un orgullo xogar diante de familia e amigos que, co seu apoio, farán que todo sexa un pouco máis sinxelo. Agardamos contar con moita xente nas gradas toda a semana”.

Tiago Fernández Vaquero, xogador do Club Volei Dumbría e convocado pola Selección Española Sub-18 (Corcubión, 2007): “Moi contento de poder xogar na casa porque xogar co público a favor encántanos”.

César Ferrío, presidente do Club Volei Dumbría: “Grazas ás Federacións española e galega por darnos a oportunidade de organizar un evento a nivel internacional. E moitas grazas tamén ao concello por estar sempre aberto a apoiar iniciativas deste calado deportivo. Agardamos, entre todos, estar á altura da importancia deste evento”.

Info: Concello de Dumbría

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Trofeos Bisbarra en xogo 2024/25

Unha tempada máis, Bisbarra en xogo xunto a varios dos nosos patrocinadores, anunciamos os trofeos que entregaremos ao final da presente campaña. EDICIÓN BERGANTIÑOS, ARTEIXO,