Primeiro “match ball” para O Parrulo

O conxunto ferrolán tomou a vantaxe nas semifinais do playoff de ascenso tras impoñerse ao Inagroup El Ejido por 2-1 nun Pavillón da Malata case ao completo.

O Pavillón da Malata, que presentaba unha boa entrada, acolleu o primeiro encontro das semifinais do playoff de Segunda División FS no que O Parrulo recibía ao Inagroup El Ejido nun auténtico duelo de titáns polo gran momento de forma dos dous equipos. Gerard Casas elixiu o seu quinteto conformado por Mati Starna, Iván Rumbo, Morgato, Nico Rosa e Rubén Orzáez, mentres que Maca saíu con Jesús, Isma Medina, Señoret, Pope e Beto.

Empezou o partido con dominio do equipo ferrolán, dispoñendo dunha boa oportunidade aos dous minutos tras un saque de banda de Rubén Orzáez, cruzou Morgato ao segundo pau e Nico rematou, pero primeiro Jesús, e logo a defensa sacaron o balón case na liña. O Parrulo seguiría empuxando en busca do primeiro gol e gozaría doutra boa tras unha internada por banda de Orzáez, que deixaba atrás para Gonzalo Santa Cruz, pero o seu disparo marchábase moi preto do pau.

O Parrulo seguía levando a iniciativa e finalmente conseguiría adiantarse no electrónico tras un saque de esquina lanzado por Turbi e que Novoa empuxaba sutilmente para facer o 1-0. Con este gol en contra, os andaluces reaccionarían e comezarían a ameazar con disparos afastados a portería protexida por Mati Starna. O partido estaba moi equilibrado, cos dous equipos presionando moi arriba e con moita intensidade. Nunha desas presións, o cadro andaluz roubaría o balón en media pista e montaría unha contra que culminaría co empate 1-1 tras bater Isma Vacas por raso a Mati Starna, que estivo preto de paralo.

O Parrulo rozaría o segundo tanto tras unha bonita xogada colectiva ao primeiro toque na que Novoa filtrou un balón co exterior, Domingos deixaba de tacón e Turbi finalizaba a xogada cun disparo que Jesús rexeitaba. Os ferroláns terían outra das botas de Diogo cun forte disparo que lambería o traveseiro, pero o tanto se seguía resistindo. Co empate, os dous equipos tomarían camiño dos vestiarios tras unha primeira parte na que o equipo ferrolán foi superior, pero os andaluces conseguían igualar a contenda.

O segundo tempo arrincou igual que o primeiro, con O Parrulo mordendo moi arriba e dominando. Diogo tivo a primeira do segundo acto tras unha arrancada pola banda esquerda e o seu lategazo cruzado estrelábase na parte baixa do poste. A seguinte oportunidade foi aínda máis clara, esta vez con Rubén Orzáez como protagonista roubando un balón en media pista e percorrendo só ata o man a man, pero o seu disparo tocábao Jesús para evitar o tanto ferrolán.

Unha e outra vez chegaban os locais, primeiro Nico Rosa cun disparo dentro da área que rexeitaba o omnipresente Jesús, e logo cun mísil de Gonzalo que novamente despexaba o gardameta. O ritmo non baixaba e Cola tivo o 1-2 para os seus tras rematar dentro da área, pero Starna conseguía facerse co balón e na seguinte xogada O Parrulo respondía cun libre indirecto na frontal da área que Diogo finalizaba cun forte disparo que rexeitaba un defensor de cabeza na mesma liña de gol.

O partido era un constante acoso e derriba dos locais e Rumbo tería outra nova cun remate de cabeza dentro da área que se estrelaba no traveseiro. Pero vai tanto o cántaro á fonte, que ao final os ferroláns atopáronse co gol tras un penalti que transformaba Nico enganando a Jesús.

O club almeriense saíu a por todas tras verse un abaixo no marcador e xogaba con Mercado como quinto home. O Parrulo aguantaba as andanadas do rival e mesmo rozou o terceiro tras arrebatar o balón e disparar a porta baleira, pero o disparo íase lambendo o pau. Ao final, o marcador non se movería e O Parrulo levaría a primeira batalla cun 2-1 nun encontro que dominaron de principio a fin.

Os de Gerard Casas xogarán o segundo partido o vindeiro sábado 31 de maio ás 18:30 horas no Pavillón Municipal de «El Ejido».

O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Iván Rumbo, Morgato e Nico Rosa; tamén xogaron Gonzalo Santa Cruz, Novoa, Diogo, Turbi, Domingos e Víctor Montes.

INAGROUP EL EJIDO: Jesús, Pope, Señoret, Isma Medina e Beto; tamén xogaron Josete, Nacho Gil, Cola, Adri, Rafalillo e Isma Vacas.

GOLES: 1-0 Novoa (6′), 1-1 Isma Vacas e 2-1 Nico Rosa (34′ de penalti).

ÁRBITROS: Ricardo García-Carpintero López, Óscar Gómez Merino, Mayra Camila Araujo (tercer árbitro) e Clara Díez Gil (cronometradora). Amoestaron aos locais Gonzalo Santa Cruz, Iván Rumbo, Diogo, ao adestrador Gerard Casas, ao seu segundo Pol Cuairán e ao preparador físico Ángel Padín, e aos visitante Isma Vacas, Pope, Josete e Adri.

INCIDENCIAS: Partido da ida das semifinais do playoff da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas