O gran equipo que montou a Esteirana conta entre as súas filas coa talentosa goleadora Rut Castro González (Carreira, 2002), con traxectoria no propio Carreira, Xuventú Aguiño, A Gaiola en fútbol sala e no equipo canadense do Eastside Kickers (Windsor), que ao estar situado no sueste do país, participou na competición ligueira estadounidense de Míchigan na tempada 2018/19.
Como se produciu ese paso ao Esteirana?
Se hai que falar de responsables da miña fichaxe pola Esteirana, os nomes a sinalar son Fran e Bárbara, adestrador e capitá, cos que me ilusionaba demasiado compartir vestiario. Somos vellos coñecidos, concretamente dende a miña primeira tempada no fútbol feminino no Carreira, cando ambos formaban parte do equipo das Miúdas. Nin eu lles caía ben a eles, nin eles a min. Foi a raíz dun torneo no que coincidimos e descubrimos que quizais non eramos tan diferentes cando comezamos a entablar unha relación, sobre todo con Fran.
No caso de Bárbara, botei máis de tres anos intentando que fichara polo Aguiño, e como vía que non había maneira e a min me encantaría xogar con ela, cando me propuxeron formar parte deste proxecto, non sen antes meditalo moito, decidín fichar.
Esperabas unha tempada tan boa neste primeiro ano?
Si, sen dúbida; de feito, no fondo, persoalmente estou algo desilusionada. A eliminación da Copa da Costa a mans do Dumbría e unha breve, pero mala racha, que fixo que perdésemos o liderado, non entraba nos meus plans. Aínda está por ver se finalmente ascendemos ou non. De non facelo, si que sería un golpe duro. Con todo, para ser a primeira tempada dun equipo de nova creación, sendo obxectivas, os resultados son case inmellorables, xa non só falando de cifras (puntos, moitos goles a favor e non demasiados en contra), senón tamén a nivel de sensacións que ten o conxunto internamente e que consecuentemente transmite a quen o ve xogar. O Esteirana Feminino xa deu moito de que falar no seu primeiro ano de competición, e podo asegurar que a tempada que vén non será distinto.
Son os teus mellores rexistros goleadores. Cal é a clave deste crecemento?
Desafortunadamente, non teño a clave, as persoas das que me rodeo no campo fan a tarefa moito máis doada. Xente como Bárbara, coa que me entendo incriblemente ben, tanto dentro como fóra do campo, ou Lara e Nuria, tamén ex-xogadoras do Aguiño e coas que, á fin e ao cabo, compartín moitos minutos.
Xa comentei noutras ocasións que, a pesar de estar sendo o meu mellor ano no eido futbolístico, no persoal quizais sexa dos peores que recordo. son unha persoa moi “venada”, moi paixonal, e o campo é un dos lugares nos que máis me libero de todas as inquedanzas que teño na cabeza. Supoño que ver o fútbol e a pelotiña como esa vía de escape e “confort” fai que as cousas saian ben. Por último, síntome moi arroupada por toda a familia do Esteirana, dende o propio equipo, adestrador, directiva e afección, que confían plenamente en min e me fan crer que son unha boa xogadora. Pola contra, son ben consciente de que, por mor da miña personalidade dentro do campo, non son vista con bos ollos pola meirande parte dos rivais, e realmente ese é outro dos factores que me invita a superarme cada domingo.
Foto: SD Esteirana




