RACING CLUB FERROL: Vitoria épica e liderado

O Racing de Ferrol remonta e imponse por 2-1 a un combativo CD Badajoz, obtendo o liderado en solitario da clasificación tras o empate do Alcorcón ante o Mérida.

Xornada redonda para os ferroláns, que dominan no máis alto da clasificación e dependen de si mesmos para o ascenso directo a falta de dúas xornadas por disputarse tras os empates do Celta B e do Alcorcón, e as derrotas do Real Madrid Castilla e do Dépor.

Saíron os de Cristóbal Parralo na Malata co once conformado por Gazzaniga, Brais Martínez, Jon García, Quique Fornos, Enol Coto, Jesús Bernal, Fran Manzanara, Álex López, Héber Pena, Carlos Vicente e Manu Justo, mentres que o once titular de David Tenorio estivo formado por Narváez, Mariano, Carlos Cordero, Mancuso, Jannick, Alfaro, Gorka, Jose Mas, Adilson, Juanmi e David Soto.

Nos primeiros compases do encontro, os dous conxuntos estudáronse, cun Racing que buscaba a presión alta e a velocidade polas bandas, e un Badaxoz que sentía cómodo en tarefas defensivas e despregando contras rápidas. O Racing mantiña o balón, con chegadas sen demasiado perigo, mentres que o Badaxoz no tramo final do primeiro tempo avisou cunha boa contra de Adilson que logrou interceptar a zaga racinguista no último momento. Tras esta ocasión, o conxunto ferrolán respondería cunha boa ocasión na que Carlos Vicente filtraba un pase a Brais Martínez dentro da área, cruzando o balón para que Manu Justo rematase e Narváez rexeitase o disparo sen demasiada dificultade.

Co empate a ceros, o colexiado sinalaba o final dun primeiro tempo no que o Racing empezou forte, pero o Badajoz foi crecendo a medida que pasaban os minutos e daba avisos de que non ía ser un partido sinxelo.

A segunda parte arrincou sen cambios en ningún dos dous conxuntos e ao minuto de xogo o Badajoz poñíase por diante no marcador tras un centro de Carlos Cordero que Gazzaniga non logra atrapar, Jon García non consegue despexar con contundencia e o balón cae aos pés de Gorka que marcaba a pracer.

O Racing non viña abaixo e buscaba o empate con corazón, aínda que non conseguía inquietar a portería de Narváez. Os minutos pasaban e o nerviosismo íase apoderando do encontro. Parralo moveu o banco en busca de solucións dando entrada a Luis Chacón, David del Pozo, Manel Martínez, Jaume Jardí e Jorge Padilla por Jesús Bernal, Manzanara, Manu Justo, Héber e Brais Martínez. Tenorio fixo o propio cos cambios de Calderón e Edu Sánchez por Jose Mas e Carlos Cordero buscando manter o resultado.

Co Racing envorcado en campo rival e a falta de quince minutos para o tempo regulamentario, chegou a xogada que cambiou o curso do partido. Jorge Padilla pelexa un balón dentro da área rival e recibe unha cotenada de Mariano ante o que o colexiado sinala penalti e amoesta ao xogador. Nas protestas, Josete, que estaba a quentar na banda, recibe a vermella directa. Carlos Vicente encargouse de lanzar a pena máxima, logrando empatar o encontro ao enganar a Narváez.

Coa bancada empuxando aos seus e un Racing ambicioso en busca da vitoria, os ferroláns lanzábanse ao ataque e trataban de asediar a área rival. O técnico visitante deu entrada a Borja García, Zelu e Müller por Juanmi, David Soto e Alfaro, pero sería o Racing quen volvería a golpear e traer a alegría a un estadio da Malata que non deixaba de animar, cando David del Pozo deixaba de primeiras para Luis Chacón, que disparaba con rosca desde fóra da área para bater a Narváez.

Nos minutos finais Mancuso era expulsado ao ver a segunda amarela por unha entrada sobre Carlos Vicente. O Racing tivo unha gran ocasión á contra para matar o partido no desconto, pero Narváez resolveu cun paradón a un remate de cabeza de Manel Martínez.

Ao final, o colexiado sinalaba o asubío final e o estadio toleaba cunha remontada e vitoria épica que deixa aos ferroláns como líderes en solitarios da Primeira Federación. Os de Parralo dependen de si mesmos para o ascenso directo cando quedan dúas xornadas por disputarse, tendo que xogar como visitante ante o Talavera na penúltima xornada ligueira e recibindo ao Celta B no derbi galego na última.

RESULTADO: Racing 2-1 Badajoz

RACING CLUB FERROL: Gazzaniga, Brais Martínez (Jorge Padilla 72′), Jon García, Quique Fornos, Enol Coto, Jesús Bernal (Luis Chacón 55′), Fran Manzanara (David del Pozo 67′), Álex López, Héber Pena (Jaume Jardí 67′), Carlos Vicente e Manu Justo (Manel Martínez 67′).

CD BADAJOZ: Narváez, Mariano, Carlos Cordero (Edu Sánchez 57′), Mancuso, Jannick, Alfaro (Müller 85′), Gorka, Jose Mas (Carlos Calderón 55′), Adilson, Juanmi (Borja García 85′) e David Soto (Zelu 85′).

GOLES: 0-1 Gorka Santamaría (46′), 1-1 Carlos Vicente (80′ penalti) e 2-1 Luis Chacón (88′).

ÁRBITROS: Alberto Fuente Martín como principal, Ángel Ramos Cinos e José María Madrigal Pérez como asistentes e Eduardo Rodríguez García como cuarto.

TARXETAS: Amoestaron aos locais Brais Martínez (29′), Padilla (94′) e Gazzaniga (99′) e aos visitantes Jose Mas (10′), Narváez (52′), Juanmi (54′), Edu Sánchez (69′) Mariano (77′) e expulsou a Josete (78′) con vermella directa e a Mancuso por dobre cartón (33′ e 88′).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 36ª xornada da Primera Federación disputada no estadio A Malata cunha asistencia de 7000 afeccionados.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas