Raquel Rodríguez: A xogadora ferrolá de fútbol sala suma un novo logro na súa carreira tras ascender co FSF Castro a Primeira

Raquel Rodríguez Ferreiro (16/05/1999), “Ra”, leva toda a súa vida no mundo do fútbol, comezando a xogar en campo co As Pontes e recalando no club naronés de fútbol sala, A Fervenza, desde moi temperá idade, dedicando toda a súa traxectoria deportiva no conxunto de Ferrolterra ata que a principios da tempada 2022/23 asinaba polo FSF Castro, onde logrou o ascenso a Primeira División e co que recentemente se anunciou a renovación do seu contrato.

Ra chegou ao club lucense por petición do adestrador Chipi, que xa a dirixiu anteriormente durante a súa etapa en A Fervenza. Ra ocupa a posición de á – peche, sendo unha xogadora rápida, con gran visión de xogo, solidez defensiva, bo despregamento ofensivo e boa lectura de xogo.

Como xurdiu a túa paixón polo fútbol sala?
Na miña casa sempre se xogou a fútbol, tanto o meu pai como o meu irmán xogaban a fútbol e eu sempre ía velos. Tamén adoitabamos ir moito a xogar os tres ao campo de As Pontes. Chegou o momento no que eu tamén quixen probar a xogar nun equipo e apuntáronme a fútbol campo no As Pontes con nenos. Ao ano seguinte coñecemos A Fervenza, club de fútbol sala feminino, onde me deron a oportunidade de probar e desde ese día xa non deixei de xogar.

Que momentos foron os que máis che marcaron como futbolista?
Normalmente os momentos que máis che marcan adoitan ser os títulos que consegues. E para min, a experiencia que vivín indo á selección galega sub17 e gañando o campionato foi especial, xa que ser seleccionada entre tantas xogadoras é un privilexio. Tamén calquera dos dous ascensos que vivín, tanto o ascenso a segunda división co meu club de toda a vida, como o recente ascenso a primeira división e todo o que iso conleva.

Que é o mellor de xogar como á-peche?
O feito de poder xogar en “dúas posicións” ofréceche máis posibilidades en canto a minutos de xogo.

Como te preparas a nivel mental e físico para enfrontar a cada rival?
Tento seguir a mesma rutina todas as semanas, se que é verdade que canto máis esixa o rival máis nervios e tensión podes ter. O nivel de esixencia sempre tento que sexa o máximo posible, independentemente do rival.

A túa primeira tempada no FSF Castro e conseguiches o ascenso. Como o viviches?
Era un gran cambio para min, primeira vez fóra de casa e nun equipo cuns obxectivos incribles. Foi unha tempada de dez, conseguimos os obxectivos e gozámolo ao máximo. Desde logo que superou as miñas expectativas tanto a nivel deportivo como persoal.

Como foi a túa adaptación a un novo club cuxo obxectivo era pelexar o ascenso?
Fixéronmo moi fácil, desde o primeiro momento sentín como unha máis. Se que é verdade que o nivel e a esixencia nos adestramentos era moi alta, pero á vez tamén moi bonito o poder traballar con grandes xogadoras. Fun unha afortunada de poder estar neste equipo loitando por estes obxectivos.

Que esperas atopar en Primeira?
Creo que o salto de Segunda División a Primeira é bastante grande. Para min, a gran diferenza está no alto ritmo de xogo que che poden presentar a maioría dos equipos.

Que obxectivos marcácheste para a próxima tempada?
É a miña primeira tempada en Primeira e o primeiro será gozar desta gran liga e das grandes xogadoras que hai. O segundo obxectivo sería poder adaptarme ben ao ritmo que esixe a categoría e poder gozar de minutos dando a miña mellor versión. E como non, conseguir os obxectivos que teña o club.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Trofeos Bisbarra en xogo 2024/25

Unha tempada máis, Bisbarra en xogo xunto a varios dos nosos patrocinadores, anunciamos os trofeos que entregaremos ao final da presente campaña. EDICIÓN BERGANTIÑOS, ARTEIXO,