Roi Losada: “Este grupo sempre tivo mentalidade de gañadores”

Roi Losada Gordaliza (A Coruña, 2003), é colocador e afronta a súa quinta tempada no Intasa San Sadurniño.

Na súa traxectoria pasou por Calasancias, Cisneros e Palencia, ademais de ser internacional con España desde os 15 anos. Provén dunha familia vencellada ao voleibol, con pais xogadores e a súa irmá Inés tamén dedicada a este deporte e representa o presente do voleibol galego actual.

Como viviches o ascenso?
Vivín o ascenso dun xeito un pouco parecido ao de hai dous anos, esa sensación previa aos partidos de saber que vas gañar, de sentir que vai ser o día, non había maneira de que as cousas non saísen ben. Todo o equipo estaba na mesma dinámica, iamos todos a unha e cando hai esa conexión entre todos é moi complicado que as cousas non se nos poñan de cara.

Que é o mellor de vestir esta camiseta durante cinco tempadas?
O sentir que grazas a este club teño unha familia, e que non só me estou indo á guerra cos meus compañeiros, senón cos meus amigos e con xente da que un pode sentir admiración e orgullo de ver como pelexan polo que merecen, que neste caso é un ascenso á primeira categoría nacional, que non é pouco!

Cal é a maior fortaleza deste equipo?
A maior fortaleza é un pouco a mestura das dúas cousas que che dixen antes: o sentir que imos todos a unha, que estamos pelexando todos xuntos por un mesmo obxectivo, e se aínda por riba as persoas coas que estás loitando, ombreiro con ombreiro, son os teus amigos, pois é como un plus engadido. Este grupo sempre tivo mentalidade de gañadores e é algo que se nos contaxia entre nós; gañar é gañar e é para o que xogamos.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas