Tiago Fernández Vaquero (Corcubión, 2007) é un prodixio do voleibol formado no Volei Dumbría, onde labrou o seu talento desde pequeno.
Procedente dunha familia apaixonada polo voleibol, o seu pai, o recoñecido adestrador Luis Alberto Fernández, e a súa irmá Leire, xogadora, Tiago levou o seu xogo ata o combinado español nas categorías inferiores, onde acadou o bronce no Campionato de Europa U17, o cuarto posto no U18, e no WEVZA impúxose no amigable e conquistou a medalla de bronce no oficial, demostrando que o seu futuro está marcado pola grandeza.
Que sentes ao portar a camiseta do Volei Dumbría?
Síntome moi feliz de poder seguir xogando no club no que me formei, ao final é o único club no que estiven e poder seguir xogando aquí é unha alegría para min.
Como valoras a tempada?
Nesta tempada non puidemos conseguir o resultado deportivo que esperabamos, pero se é verdade que era un equipo formado por xogadores moi novos e con moita proxección e en partidos difíciles da tempada conseguimos xogar a un nivel moi alto, o problema foi poder manternos nese nivel.
Que ten a canteira do Dumbría que saca tanto talento cada ano?
Ao final é traballar duro para poder ir mellorando a medida que pasan as categorías. Normalmente no noso club, na base non contabamos con xogadores moi físicos comparados cos do resto de equipos de España e iso tiñamos que contrarrestalo con nivel técnico, así que penso que unha das claves é o traballo duro nos adestramentos e o bo nivel de adestradores na base que tivemos.
Foto: fotofuentes




