SD FISTERRA: Partido a partido, final a final

Poucas voces se atrevían no mes de marzo a presaxiar que a SD Fisterra tería opcións de salvación na última fin de semana de maio.

Pero as ten, e canto máis difícil llo poñen, máis se van crecendo os de verde. A última proba, o pasado domingo, ante un rival construído para estar loitando polo ascenso, como o Barco, e perdendo 0-1 ata o 69’.

Pero unha vez máis, saíu a relucir ese carácter fisterrán, propio dos mariñeiros que non se atemorizan ante as mareas máis perigosas, e cos goles de Eloy, Makaay, Juan e Marcote lle deron a volta a un partido que tería suposto o descenso de acabar en derrota. Con esa bala salvada, quedan agora a seis puntos dos de Valdeorras, con catro finais por diante e coa necesidade de que Barco e Ribadumia perdan puntos.

Difícil, pero non imposible. E no vestiario fisterrán hai una consigna clara: 1% de posibilidade, 99% de fe. Por iso, aínda sabendo o complicado que é gañar un encontro nesta categoría, teñen como obxectivo vencer os dous seguintes partidos ante os equipos do Porriño (Pontellas e Atios), que xa están sentenciados ao descenso, e esperar algún erro dos de arriba. De non darse, xogarán o todo polo todo nas dúas últimas xornadas ante UD Ourense e Ribadumia. Unhas finais para as que parece que xa estará o decisivo Álex Ramos, que marchaba duramente mancado ante o Barco.

O que está claro é que este equipo xa logrou o obxectivo que tiña a comezo de tempada: competir e deixar ben alto, por toda Galicia, o nome da vila do fin do mundo.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas