SEÑOR JULIO: Emotiva homenaxe no Platas Reinoso polo CD Baio

Unha das figuras emblemáticas da Liga da Costa, e non pola súa facer sobre o terreo de xogo, senón no outro lado, para facer que todos gocen de xogar ao fútbol, foi recoñecido como se merece.

Estamos a falar do popular “Señor Julio”, que é como o coñecen todos os que chegan ao campo Platas Reinoso e antes en O Balsiño. Porque el sempre recibe todos, os colexiados, os equipos rivais, os afeccionados, entre outros, dunha forma afable, cordial, entrañable.

Julio Castro López (Piñeiro de Anos – Cabana de Bergantiños, 1932) leva 40 anos como directivo do CD Baio. Comezou na campaña 1982-1983 e ata a actual. El, que o pasado 16 de novembro cumpriu 90 anos, é un punto referencial na historia dun dos clubs fundadores da Liga da Costa e el formará parte da súa importante historia. Na faceta humana, o Señor Julio é un fóra de serie: dedicación, constancia, bo facer, humildade e todo aderezado cun impagable sorriso, educación e sensibilidade. O pasado 23 outubro o campo Platas Reinoso rendeuse aos seus pés. Foi o principal protagonista antes do encontro entre o CD Baio e a SD Tordoia (3-3), en Primeira Galicia. Saíu ao terreo de xogo acompañado da súa familia, unha das súas fillas, Julia, e a neta maior, Marta, e no medio da ovación dos futbolistas de ambos os contendentes, do trío arbitral e dos afeccionados asistentes. Despois realizou o saque de honra, aínda que en todo momento sentindo o agarimo que profesan pola súa persoa os alí reunidos baixo unha choiva que pretendeu sumarse tamén a homenaxe deste insigne personaxe.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas