Sito Cabado seguirá unha tempada máis á fronte do Clicfer CB Laracha, comandando o navío larachés na Nacional cun proxecto moi renovado.
Do bloque do pasado curso permanecen Daniela e Sara, mentres se incorporan Sira, Victoria, Dafne, Antía, Suevia, Dissa Ramatou, Juda Quindanda, María García e Uxía. Unha remodelación para afrontar o novo reto con ilusión e ambición.
Como ves ao equipo para esta segunda tempada en Nacional?
O equipo é moi novo e iso implica máis desparpaxo, velocidade e ilusión. Lastraremos un pouco a falta de experiencia, pero estou seguro de que o equipo medrará moitísimo co paso das semanas. A nivel de plantel, creo que esta tempada é moito máis longo e compensado, o que nos facilitará moitas variables a nivel colectivo e de intensidades. Todas as rapazas demostran en cada sesión moita fame de baloncesto, e iso daranos un plus de evolución individual e colectivo que, estou seguro, marcará diferenzas.
Como estás a vivir en primeira persoa o enorme crecemento do club?
Teño sentimentos de responsabilidade e orgullo a partes iguais. Hai moitas horas, esforzo e sacrificios investidos nisto. Moitas pedras no camiño, porque non é doado construír o que se está a facer en A Laracha e esta tempada estamos en disposición de presentar, por primeira vez, equipos en todas as categorías e un proxecto en Nacional que sirva de referente para toda esta canteira que ten ganas de baloncesto. Hai un gran equipo humano fóra das pistas, que empuxa e traballa sen descanso, e unha afección incondicional que non para de medrar e animar. Todas esas pedras que nos atopamos polo camiño están a servirnos para construír un gran castelo. Orgulloso do apoio e do traballo de moita xente.
Foto: fotoschimpi



