O pavillón O Conco, en Dumbría, vibrou o debut do líbero cadete Tiago Fernández Vaqueiro (Corcubión, 2007) e fíxoo dunha forma moi especial na Superliga Masculina 2.
O xogador, un dos diamantes da canteira do Voley Dumbría, foi convocado para o encontro da xornada 14ª fronte ao Voleibol Utrera. A baixa de última hora de Christopher Rodríguez, por COVID-19, fixo que o adestrador, Néstor González, chamase ao líbero de 14 anos, xa que desde o mes de outubro está a adestrar co primeiro persoal. A data do 13 de febreiro do 2022 quedará inmortalizada por ese momento na historia do club. Aínda que o seu debut oficioso foi nun torneo de pretemporada na Coruña fronte ao CV Vigo. Ata aí, en certa forma, todo normal. Xa que o conxunto da Costa da Morte dispón de dous líberos. Ademais de Christopher está Javier Castro. Ao faltar un, Tiago tiña a súa praza practicamente asegurada na convocatoria.
O partido do pasado 13 arrincou da mellor maneira posible. Os locais, entre os que figuraba Daniel Muñoz, natural da localidade sevillana do equipo rival, estaba a xogar moi motivado. O primeiro set decantouse por 25-22, e o segundo, por 25-23. Fronte a este panorama, Néstor González fixo debutar a Tiago, que saltou á cancha con moita naturalidade. Ocupou a posición de líbero, e tivo unha recepción do 100 por 100. En todo momento ofreceu unha imaxe de tranquilidade e de moverse como el adóitao facer cos equipos da base, nos que habitualmente xoga. Desde logo e desde as bancadas, os afeccionados observaban a Tiago comprobando esas ganas, intensidade e o propósito de facelo ben. De non defraudar a ninguén. E despois de disputar o set, no que o equipo venceu por 25-20, deixou ás claras que Tiago ten madeira de crack.
MANUELA RIAL MOUZA
Tiago comezou aos seis anos a xogar ao voleibol no berce deste deporte na Costa da Morte, no colexio Manuela Rial Mouzo, de Cee. Con eses seis anos formou no equipo benxamín. Os dotes que comezou a demostrar fixeron que sendo benxamín, con 8 anos, formase co conxunto dumbriés infantil no campionato galego dous anos seguidos. Aí é cando comeza a súa vinculación co Voley Dumbría, conxunto no que leva oito anos.
No 2018 Tiago debuta nun Campionato de España co Voleibol Dumbría e en 2019 proclámase campión galego alevín, sendo elixido mellor xogador do campionato e ese mesmo ano logra o subcampionato de España alevín, en Valladolid. No 2021 queda campión galego infantil e é elixido o mellor xogador do torneo. Ademais proclámase subcampión de España infantil co Voleibol Dumbría, en Soria. En xullo dese ano proclámase campión de España coa selección Galega, en Valladolid, e a Federación Española convócao para unhas Xornadas de Supervisión en Azuqueca de Henares (Guadalajara), en abril, e outras Xornadas de Tecnificación, en Almagro (Ciudad Real), no pasado decembro.
Agora o seu listón subiuno ata unha altura impensable ao comezo da presente campaña, con este debut na segunda categoría máis importante no panorama nacional do voleibol.