O líbero Unai Larrañaga Lado (Dumbría, 2000), co Voley Textil Santanderina, logrou o título da XV Copa Príncipe 2022, que tivo lugar no pavillón Juan Ríos Tejera, na Laguna (Tenerife), dende o día 7 ao 9 de xaneiro, coa presenza dos dous mellores conxuntos de cada un dos tres grupos que conforman a Superliga Masculina 2 na tempada 2021-2022.
Os seis equipos participantes quedaron divididos en dous grupos tras o sorteo realizado na sede da RFEVB do seguinte modo: nun grupo competiron o anfitrión Cisneros Alter (Tenerife), o segundo clasificado do grupo A Sanaya Libby´s La Laguna (Tenerife) e o líder do grupo C, CV L´Illa Grau (Castellón), mentres no outro grupo estivo integrado polo líder do grupo A Textil Santanderina (Cabezón de la Sal), o segundo clasificado do grupo B Voleibol Almoradí (Valencia) e o segundo clasificado do grupo C Barça Voleibol (Barcelona).
Na fase de grupos, o conxunto cántabro de Unai Larrañaga superou ao CV Almoradí (3-1) e ao Barça Voleibol (3-1). Así, se clasificou para disputar unha das semifinais, na que superou ao CV L´Illa Grau, de Castellón (3-1), e así conseguiu o seu pase á final, na que dobregou ao Sanaya Libby´s La Laguna (3-0).
Unai Larrañaga, integrante da selección española, foi peza fundamental no conxunto cántabro campión, polo que foi elixido no septeto ideal da competición.