A undécima edición do Trofeo “Concello da Laracha” de tiro con arco disputarase o sábado no pavillón do IES Agra de Leborís, un evento organizado polo Club Arco Laracha e Arqueiros do Adarve coa colaboración do Concello.
O evento presentouse hoxe na Casa Consistorial coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, a edil de Deportes, Patricia Bello, e José Luis Ascariz en representación das entidades organizadoras.
Contarase coa presenza de sesenta e nove arqueiros das categorías esquío, benxamín, alevín, infantil, novel e sénior. Chegarán desde diferentes municipios da provincia, como A Coruña, Betanzos, Ponteceso e Teo, e tamén desde Lugo e Guitiriz.
Por parte larachesa haberá representación, xa que tomarán parte da proba alumnos das escolas municipais de tiro con arco que adestran cada sábado pola mañá.
Ás 17:00 horas de mañá sábado os participantes serán recibidos no lugar de celebración do torneo e terán un período de media hora para realizar os exercicios de quecemento e adestramentos. A competición principiará ás 17:35 horas.
A entrada para asistir como público a este evento é libre e gratuíta.
Foto e información: Concello da Laracha