Levamos seis xornadas disputadas en Terceira Federación e as cousas non poderían estar máis emocionantes na zona alta da clasificación na que a UD Somozas continúa como o ano pasado, pelexando polos postos de ascenso.
Na primeira xornada os de Marco Roca recibiron no Alcalde Manuel Candocia ao CSD Arzúa, ao que derrotaron por 3-1 con dobrete de Rubo e o gol de Juan Cambón.
Na segunda xornada, o Somozas sairía fóra e visitaría o Baltasar Pujales, onde empataría 0-0 co sempre correúdo Club Rápido de Bouzas.
A seguinte vitoria do Somozas chegaría na terceira xornada, onde os locais superarían ao Viveiro CF por 2-0 cos tantos conseguidos por Óscar Lorenzo e Bruno Bellas.
Chegada a cuarta xornada e cun novo partido fóra de casa, o marcador non se movería do 0-0 no Municipal Barreiro no encontro entre o Gran Peña FC e a UD Somozas.
Na quinta xornada, o Silva SD visitaría o Manuel Candocia e non poñería as cousas fáciles, pois o Somozas estaría en dúas ocasións por detrás no marcador, quedando o partido finalmente 2-2 cos goles de Luis Díaz e Cañi.
Na última xornada disputada ata a data, o equipo visitaría Ponte dos Brozos para medirse ao Atlético Arteixo, onde o Somozas sufriría a súa primeira derrota co resultado de 2-0.
A UD Somozas tamén xogou os dezaseisavos da Copa Federación contra o equipo canario do Panadería Pulido no Vega de San Mateo onde os galegos caeron co resultado de 1-0.