UD SOMOZAS: Despide a tempada con vitoria ante o CD Estradense e aseguran a permanencia na Terceira Federación

Os de Fran Beade afrontaron no Alcalde Manuel Candocia o último encontro da tempada ante o CD Estradense coa necesidade dunha vitoria que evitase un posible descenso por arrastre.

Os somocenses cumpriron e lograron a vitoria por 2-1 nun gran partido dos locais ante a súa afección, que acudiu en masa para apoiar aos seus nun encontro no que había moito en xogo.

O partido estivo marcado polo gran ambiente que lucía a bancada e a intensidade que mostraba a UD Somozas. Adiantouse o conxunto pontevedrés por medio de Fuentes, pero os locais non viñeron abaixo e mantiveron o alto ritmo que mostraron desde os primeiros minutos, o que lles valeu para empatar o partido ao fío do descanso grazas ao tanto de Aarón.

Tras a continuación, o Somozas seguía dominando e atacando sen descanso a portería rival e tanta insistencia deu os seus froitos cando Quico lograba o segundo e definitivo tanto da tarde.

Co asubío final e a alegría dos afeccionados e xogadores locais, poñíase punto e final a unha tempada de altibaixos para os somocenses, pero que finalmente lograron reverter a situación e selaron a permanencia na oitava posición.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas