Falar de fútbol é falar da ariete Marta Rodríguez Cascón (A Coruña, 2001), destacando pola súa calidade, velocidade, boa definición, competitividade e non dar nunca un balón por perdido.
Marta Cascón, que recibiu a distinción na modalidade de fútbol na XXX Gala do Deporte Ferrolán, xogou no Galicia de Caranza en fútbol 8, no CD Narón e no Amistade, ata dar o salto á nacional co Victoria CF, sendo a súa segunda tempada. Ademais, compaxina a súa vida de futbolista como adestradora das alevíns femininas e os/as benxamíns da SD O Val, así como formou parte como adxunta da selección comarcal feminina sub-13 de Ferrol.
Como foi o cambio de autonómica a nacional?
Foi realmente un salto grande, pasei dun club recentemente ascendido a Primeira Galega loitando pola permanencia, a outro asentando na categoría nacional. Os cambios noteinos en todos os ámbitos, a nivel físico, de destreza e táctico.
Considero que en nacional hai que ter un nivel físico alto e uns conceptos, sobre todo, a nivel táctico ben adquiridos para poder competir de ti a ti e non cometer grandes erros que adoitan ser estes os que marcan os resultados de cada fin de semana.
Son moi diferentes os adestramentos nesa categoría?
Si, iso foi outro dos grandes cambios que notei, en nacional os equipos xa teñen máis corpo técnico que en galega. Ademais de contar co adestrador, o delegado e o adestrador de porteiras, no caso do meu club, cóntase cun preparador físico, quen se encarga dunha parte da sesión (activación, parte física, prevención e recuperación) e unha fisioterapeuta para atender as xogadoras que teñen algún tipo de doenza ou lesión, adaptando as súas sesións de adestramento.
En cuestión aos adestramentos en global, noto a diferenza en que, en nacional prepáranse as semanas de adestramento en base ao rival contra o que se vai a xogar, aspectos que se deben de conseguir realizar para o partido da fin de semana, tendo como base sempre a cohesión grupal e realizándose as tarefas a un nivel alto de intensidade, por isto último, en todas as sesións o nivel de esixencia física é alto, trabállese de maneira directa ou non.
Ademais, é de destacar que sempre se pode contar coas compañeiras do B, xa se debido a que teñamos lesionadas e sexa necesario que suban para que sexamos máis ou por méritos propios.
Que aconsellarías ás futbolistas que dubidan sobre dar o salto á nacional?
Que é normal ter dúbidas e medo de non saber se poderá dar o nivel, pero a maior diferenza, como xa comentei, é a nivel táctico e físico. Se realizas unha boa preparación física e tense uns coñecementos básicos de táctica, non digo que non sexa complicado o inicio, que é difícil para todas sempre, pero chegará un punto da competición na que todo se iguale e canto antes se empece a traballar isto, antes se gozará da competición.
Compaxinas a túa vida de futbolista como adestradora. Como xurdiu esa paixón?
Porque consideraba e considero que na comarca de Ferrol hai unha gran carencia de fútbol base feminino, que por sorte cada vez vaise mellorando.
No meu caso, cando empecei a xogar, non existían equipos femininos por idades, só equipos seniors e na súa maioría de fútbol 8 e con diferentes niveis, o que dificultaba a aprendizaxe tanto para as de iniciación e as que xa tiñan un nivel máis alto. Polo que se querías explotar o teu potencial ou íaste a equipos mixtos ou tiñas que saír da comarca.
Por iso, a día de hoxe son adestradora, para que esas nenas que lles gusta o fútbol poidan formarse desde pequenas nun mesmo club e se poidan desenvolver con e contra nenas da súa mesma idade. Para que a comarca de Ferrol alcance un gran nivel de fútbol feminino.
Ademais do fútbol, que outros valores tratas de inculcar ás túas xogadoras?
Valores de compañeirismo, sacrificio, traballo, adherencia ao deporte, coñecemento cultural do fútbol feminino/masculino e competitividade sa, asunto que, moitas veces, non se lle dá a importancia de traballar, porque se entende que, ou se ten ou non se ten, pero hai nenas que teñen que aprender a ser competitivas e xestionar as emocións que esta conleva.
Como foi a experiencia de adxunta da selección ferrolá sub-13?
Moi ben acompañada e boa experiencia, pero non moi longa. Foi enriquecedora, con ela coñecín a situación actual do nivel das xogadoras da comarca, que a pesar de que os resultados da competición non acompañaron, as nenas desta selección teñen un gran potencial que, se seguen mellorando e aprendendo, nuns poucos de anos estaremos a falar de moitas delas.
Estou agradecida de poder vivir esta experiencia, a cal fíxome reconectar máis coas ganas de seguir xogando e adestrando.
TEST PERSONAL
Comida: Non teño unha en especial, gústame comer de todo e ir cambiando.
Bebida: Auga.
Cor: Vermello.
Película: Non teño unha en especial.
Libro: “Trilogía de los huesos” (Nagore Suárez).
Afección: Todos os deportes, tanto practicalos como velos.
TEST COMPAÑEIRAS
A máis competitiva: Non podería dicir unha compañeira, todas somos competitivas.
A máis bromista: Lau.
A DJ do vestiario: Nuria e se non eu.
A que mellor baila: Ningunha.
A que mellor viste: Andrea Díaz.
A máis faladora: Maca e Lau.
Foto: Sadmoody241