AITOR DÍAZ E «O NEJRO», NETO E AVÓ: Unidos por unha camiseta

Unha camiseta unirá máis esta tempada 2021-2022 a Aitor Díaz Chans e Manuel Ángel Díaz López, “O Nejro”. Neto e avó, respectivamente.

O agarimo que sempre profesou Aitor por O Nejro reflectiuno esta campaña o futbolista, que afrontará a súa tempada número 15 na Terceira RFEF. “A miña relación co meu avó é como a dun pai”, comenta o central 1,81 metro de estatura. Por esa razón e fronte a delicada saúde do seu avó, de 81 anos e un dos míticos futbolistas da SD Fisterra, decidiu: “Apetecíame lucir o seu nome de como lle chamaban a el, O Nejro, e como sempre me recoñecían no pobo, o Neto do Nejro”. Así que na presentación do Alondras CF, equipo no que disputa a súa cuarta tempada, o pasado 4 de setembro, sorprendeu a todos co nome encima do dorsal 5: O Nejro. Ademais, o debut non puido ser mellor e ao día seguinte o seu equipo conquistou Copa RFEF, fase autonómica, fronte ao UD Somozas.

Aitor fala de O Nejro e sempre emocionase: “Pois a relación co meu avó vén desde pequeno, xa que o meu irmán e eu pasabamos as vacacións de verán, Nadal e Semana Santa en Fisterra. Medio criámonos alí como quen di. O meu avó xogou ao fútbol de central, o meu pai Andrés tamén, e tanto o meu irmán como eu tamén. A xeración de centrais”.

Aínda que Aitor vive en Marín e traballa de xefe de vendas de Nissan en Pontevedra e xogou lonxe de Fisterra, O Nejro sempre estivo pendente dos seus pasos. Por iso Aitor di: “O meu avó seguiume nos equipos que estiven, ben conectado ao programa En Xogo, pola radio e nalgunha ocasión veu verme xogar coa miña avoa”. Ademais, apunta o futbolista: “Sempre me estaba picando ao equipo que ía e dicíame que eramos equipo de metade de táboa. Ao final acabáballe dando nos dentes ja ja ja”.

Cando estivo cinco tempadas no CCD Cerceda, O Nejro deixábase ver no campo O Roxo do Piñeiro e nas fases de ascenso, non só iso, senón que mesmo acudiu coa súa charanga O Vendaval, que estaba formada por cinco compoñentes e dous eran os seus avós Rosa Trillo, ao bombo, e O Nejro, á caixa. A idea primordial de por o nome do seu avó na camiseta ten unha xustificación: “Ultimamente as enfermidades están a mingualo e empeza a estar cada vez máis débil, por iso este ano apetecíame lucir o seu nome”.

TRAXECTORIA DE AITOR

Aitor Díaz Chans (16/04/1986, en Pontevedra) comezou a xogar a nivel federado aos 4 anos na Escola de Fútbol Porvir, de Marín (sete tempadas, ata cadetes). Alí comezou de centrocampista, pero o seu pai, Andrés Díaz, que foi o seu adestrador na última campaña, colocouno de central, xa que ía moi ben de cabeza, e desde entón ata hoxe. Despois foi ao Pontevedra CF, xogando en cadetes e xuvenís (3). Aos 19 anos fichou no Portonovo SD, estando na Terceira. Militou no Pontevedra CF “B”, ascendeu de Preferente a Terceira, e no Pontevedra CF, en 2ª B e de aí ao CCD Cerceda (5 tempadas), CD As Pontes (2), Arousa SC (2), Alondras CF (2 + 2) e Ribadumia CF (1). A campaña 2021-2022 Aitor, aos seus 35 anos, será a número 15 en Terceira División e antes unha en Preferente e outra en Segunda División B.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas