O CB Costa Ártabra fai un chamamento ás nenas nadas en 2017 e 2018 que queiran iniciarse no baloncesto e coñecer o club de cara á tempada 2026/2027.

Aínda que o Costa Ártabra mantén as súas portas abertas durante diferentes períodos do ano para calquera neno ou nena que queira probar este deporte, nesta ocasión o club quere poñer especial atención nestas dúas xeracións, nas que actualmente existe unha menor presenza de xogadoras.

O club, que conta co maior número de licenzas de baloncesto de Ferrol, continúa medrando tempada tras tempada e considera especialmente importante reforzar as categorías máis pequenas, fundamentais para garantir o relevo xeracional e a continuidade da estrutura feminina.

Ariana Charlón, unha das coordinadoras de minibasket do CB Costa Ártabra e habitual nas fases finais galegas cos seus equipos, explica que a captación feminina nestas idades segue a ser un dos principais retos do club:

«En Ferrol somos un club moi consolidado e unha referencia no baloncesto masculino, pero no feminino aínda nos custa máis conseguir que as nenas máis pequenas se animen a probar. As xogadoras que entran no club adoitan permanecer con nós durante moitos anos, moitas veces ata que marchan estudar fóra, pero nas últimas tempadas estamos a notar que custa máis incorporar nenas nas categorías de iniciación. Cremos que cando veñen, coñecen o ambiente e a forma de traballar do club, é doado que queiran quedar».

A vindeira semana comezarán os adestramentos de todos os equipos do CB Costa Ártabra. No caso do Premini feminino, os adestramentos terán lugar en FIMO (Feira de Mostras de Ferrol) cos seguintes horarios:

  • Luns: 16:30
  • Mércores: 18:00
  • Xoves: 18:00

Non é necesario ter experiencia previa. O obxectivo é que calquera nena nacida en 2017 ou 2018 poida achegarse a probar, coñecer as súas compañeiras e descubrir o baloncesto nun contorno formativo e próximo.

Para solicitar máis información, as familias poden contactar co club a través das súas redes sociais, no teléfono 622 31 53 21 ou mediante o correo electrónico cbbcostaartabra@gmail.com.

Info e foto: BBCA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas