O Parrulo rescata un punto nos instantes finais

O conxunto ferrolán mostrou as dúas caras da moeda ante o Catgas Enerxía, cunha primeira parte na que o bordaron, pero unha segunda na que o equipo se veu abaixo e terminou espertando nos últimos minutos para conseguir empatar 5-5.

O Parrulo chegaba á segunda xornada de liga, e novamente na casa, tras vencer por 6-4 nun bonito duelo ao Quesos El Hidalgo Manzanares no primeiro encontro. Agora tocaba enfrontarse a un rival chamado a ser un dos directos, o Catgas Energía, un equipo sólido en defensa e cun perigoso contragolpe. Como nota positiva para os ferroláns, tanto Turbi como Malaguti recibían a alta médica tras superar cadansúa lesión e entraban na convocatoria. O Parrulo ofreceu unha das súas mellores versións na primeira parte, dominando e marchando aos vestiarios cun 3-1 ao seu favor, pero tras a reanudación do segundo tempo, os ferroláns ofreceron a outra cara da moeda e viron como, en menos de cinco minutos, o rival lles remontaba o partido, tendo que botar man da épica para conseguir rescatar a tempo un punto.

Gerard Casas apostaba para este encontro por un quinteto conformado por Caio César, Quelle, Lucas Farias, Novoa e Yan Matheus, mentres que no lado oposto da pista, Jorge Vargas saía de inicio con Ferreyra, Marc Tolrà, Víctor Ramos, Pol Pacheco e Aniol. A tónica dos primeiros minutos era a esperada, cos equipos tanteándose. O Parrulo, co apoio da afección, levaba máis a iniciativa, mentres o conxunto catalán trataba de pechar espazos e aproveitar algunha contra para facer dano.

Co paso dos minutos, as ocasións comezaron a acumularse nas dúas áreas, con disparos de Novoa e Yan Matheus que non conseguían penetrar nas redes da portería defendida por Ferreyra. Tamén o Catgas Energía comezou timidamente a buscar a portería de Caio César, e mesmo estivo a piques de adiantarse nunha xogada na que o balón rebotaba en Novoa e o gardameta tiña que evitar en dúas accións o gol en propia porta.

Pero entón aparecía unha figura que se esperaba, que o público desexaba e o propio xogador, que non é outro que Malaguti. Nunha boa xogada, Lucas Farias conseguía filtrar o balón entre a defensa catalá para que Malaguti, astuto, chegase ao segundo pau para rematar e adiantar os ferroláns no marcador. Este tanto deu ás aos locais, que comezaron a gustarse na pista e a xerar ocasións sen descanso. O susto púxoo Uri Santos cun bo disparo, pero César Caio, sempre atento, conseguiu meter unha boa man.

A tormenta ferrolá non tardaría en desatarse. O Parrulo, moi animado tras poñerse por diante, presionaba con ímpeto, orgullo e corazón e, nun disparo afastado, Rubén Orzáez, o máis listo da clase, adiantábase á súa marca e aproveitaba o rexeite para facer o segundo da tarde. Este segundo gol elevaba as revolucións dos locais, que non tardarían en volver atopar as redes da portería rival, cando un minuto despois Lucas Farias conseguía bater por baixo a Ferreyra para poñer o 3-0.

O partido estaba pedindo a berros o cuarto dos de Gerard Casas, pero o fútbol, cruel moitas veces, quixo reverter a situación e un disparo de Pol Pacheco desde longa distancia collía desprevido a Caio César, permitindo aos cataláns recortar distancias. O Parrulo, lonxe de desanimarse, seguía apertando e roldaba o cuarto tanto en varias ocasións, pero o gol finalmente non chegaría e, co 3-1, os dous equipos tomarían o camiño dos vestiarios para gozar dun merecido descanso. O Parrulo foi superior durante o primeiro tempo, aínda que o tanto catalán deixaba todo moi aberto para a segunda metade.

Os primeiros minutos comezaban cun O Parrulo máis conservador, cedendo brevemente a iniciativa a un Catgas Energía que movía e movía o balón na procura de ocos que non aparecían. Nun roubo de balón, O Parrulo puido aumentar a vantaxe, pero primeiro Rikelme e posteriormente Lucas Farias toparon con Pau López, que defendía a portería catalá no segundo tempo.

Cando parecía que mellor estaban os ferroláns sobre a pista, Víctor Ramos sacouse de diante unha bonita xogada individual e, tras librarse do seu par cunha bicicleta, soltaba un latigazo raso imparable para Caio César que recortaba o marcador. Este tanto deixaba moi tocado o Parrulo, mentres que os cataláns viñan arriba e, nun novo ataque, Víctor Pérez igualaba a contenda tras aproveitar un rexeite dentro da área de Caio César. Empate 3-3 e partido novo.

O Parrulo estaba moi lonxe da versión que ofrecera no primeiro tempo, víase máis canso por momentos e, nunha nova andanada dos rivais, chegou o mazazo. Pol Pacheco roubaba o balón no seu campo e chegaba ata a área rival sen oposición para bater a Caio César e culminar a remontada en cinco minutos. O Parrulo trataba de reaccionar, pero estaba como un púxil ao bordo do nocaut, o Catgas Energía sabíano e apertaba sen parar, conseguindo aumentar a vantaxe co quinto da tarde, obra de Dylan Vargas cun disparo raso.

O Parrulo necesitaba un gol con urxencia ou, cando menos, volver meterlle medo no corpo ao rival. Novoa entendeu á perfección a situación e un disparo seu estrelouno no traveseiro. Na xogada posterior, reclamouse penalti, pero tras revisar o VIR, o colexiado decretou falta ao bordo da área, aínda que o lanzamento acabaría en nada. Os ferroláns seguían buscando ese tanto que lles permitise volver ao partido, pero unha e outra vez batían con Pau López ou coa defensa rival. O VIR tería que volver intervir nun disparo de Yan Matheus que parecía entrar, pero tras a revisión, novamente non saíu favorable aos intereses ferroláns. A fortuna non estaba acompañando o Parrulo no segundo tempo e, para botar máis sal na ferida, chegaban á quinta falta con máis de seis minutos aínda por xogar.

A tres minutos do final e sen nada que perder, Gerard Casas poñía a Rikelme como porteiro-xogador. No primeiro ataque en superioridade numérica, Novoa estrelaba de novo o balón no traveseiro. Os ferroláns seguían arriscando co quinto xogador e, na seguinte chegada, Rubén Orzáez conseguía recortar distancias cun trallazo desde longa distancia. Co público empurrando ao ulir o sangue, O Parrulo foi a por todas e Novoa cazaba un balón dentro da área para envialo ao fondo das redes e igualar o encontro, provocando o delirio na bancada.

O tempo non daría para moito máis e, finalmente, os dous equipos repartíanse os puntos tras unha primeira parte na que O Parrulo foi moi superior e un segundo tempo no que unha desconexión completa dos ferroláns case lles custa os tres puntos, rescatando de forma heroica nos últimos minutos un punto.

O PARRULO: Caio César, Quelle, Lucas Farias, Novoa e Yan Matheus; tamén xogaron Rubén Orzáez, Diogo, Jhoy, Brayan Rikelme, Malaguti e Palazón.

CATGAS ENERGÍA: Ferreyra, Marc Tolrà, Víctor Ramos, Pol Pacheco e Aniol; tamén xogaron Víctor Pérez, Uri Santos, Sebastián Corzo, Granda, Dylan Vargas, Nie-Lo e Pau López.

GOLES: 1-0 Malaguti (13′), 2-0 Rubén Orzáez (16′), 3-0 Lucas Farias (17′), 3-1 Pol Pacheco (18′), 3-2 Víctor Ramos (23′), 3-3 Víctor Pérez (25′), 3-4 Pol Pacheco (25′), 3-5 Dylan Vargas (27′), 4-5 Rubén Orzáez (38′) e 5-5 Novoa (39′).

ÁRBITROS: Carlos Rodrigo, Fermín Sánchez-Molina, Mayra Camila (árbitro 3) y Clara Díez (cronometradora). Amoestaron aos locais Rubén Orzáez, Brayan, Novoa, Gerard Casas y Pol Cuairán e aos visitantes Marc Tolrà, Pol Pacheco, Víctor Ramos, Sebastián Corso, Víctor Pérez, Ferreyra e Pau López.

INCIDENCIAS: Segunda xornada da Liga Prime Futsal disputada no Pavillón da Malata.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas