O Baxi Ferrol arrasa ao Beroe Stara Zagora e sela o seu pase á fase de grupos da EuroCup Women

O conxunto ferrolán impúxose por un contundente 85-58 no partido de volta da eliminatoria previa, facendo valer a súa superioridade e a vantaxe de quince puntos acadada na ida para garantir a súa clasificación europea.

O Baxi Ferrol chegaba ao segundo e definitivo encontro da eliminatoria previa da EuroCup Women cos deberes practicamente feitos. Tras conquistar as terras búlgaras e asinar unha importante vitoria por 61-76 ante o Beroe Stara Zagora no partido de ida, o conxunto ferrolán recibía o seu rival na casa, arroupado pola súa afección e cunha cómoda vantaxe de quince puntos que lle permitía afrontar o encontro de volta con confianza e co obxectivo de selar o seu pase á fase de grupos.

O Baxi estreaba a súa nova equipación dourada, a que vestirá como indumentaria principal na súa aventura europea, que promete tantas noites gloriosas. Por iso, Lino, sempre fiel ao seu estilo, non quería ningún exceso de confianza a pesar da cómoda vantaxe e esixíalles ás súas xogadoras que esquecesen o resultado da ida. No quinteto inicial repetían respecto ao encontro disputado en terras búlgaras Iva Belosevic, Sydney Shaw e Tayra Eke, mentres que o dúo checo, formado por Karolina Sotolova e Katerina Galickova, entraba no lugar de Esther Castedo e Maggie Doogan. Pola súa banda, Nikolay Gospodinov repetía con Gergana Madankova, Aleksandra Katanic, Deana Stoyanovska e Natalie Kucowski, coa novidade de Breon Gunnels no lugar de Angelina Turmel.

As ferrolás ofreceron un bo primeiro cuarto no que Galickova abriu o marcador resolvendo con habilidade dentro da zona, mentres que Katanic respondía desde a liña de tiros libres. A continuación, as locais protagonizaron unha boa xeira de canastras que deu lugar a un parcial de 10-0, con Galickova como francotiradora desde o perímetro, tras anotar dous triplos, e converténdose nunha das principais referencias ofensivas do equipo de Lino López. No bando contrario, Stoyanovska negábase a que a eliminatoria quedase sentenciada xa no primeiro cuarto e tiraba do carro do seu equipo, aínda que o Baxi se levaría o primeiro asalto con comodidade, por 23-17.

No segundo cuarto, o Baxi Ferrol subiu unha marcha máis e estaba decidido a deixar ben encamiñado o seu pase á fase de grupos. Tras un intercambio de canastras, no que esta vez Sotolova tomou o relevo da súa compatriota desde o perímetro, as locais foron ampliando a vantaxe ata protagonizar un parcial de 12-0 que deixou o rival contra as cordas. As búlgaras botaron man do orgullo e negáronse a renderse, tratando de responder cun parcial de 0-6. Porén, o equipo ferrolán volveu dominar o segundo asalto e ampliou a diferenza ata o 42-30. Unha vantaxe de doce puntos á que había que sumar os quince que trouxera do encontro de ida. No apartado anotador ao descanso, destacaban polas locais os oito puntos do dúo checo, Sotolova e Galickova, mentres que nas visitantes lideraba a anotación Deana Stoyanovska, con 15 puntos.

O terceiro período seguiu o guión previsto, cun Baxi que tiña a situación baixo control e cumpría co seu papel de claro favorito para acadar o pase á fase de grupos. Foi un asalto entretido para o público, con moitas anotacións en ambos os lados da pista. No último minuto, un derradeiro pulo das ferrolás, cun triplo de Doogan, unha canastra de Nikola Priede e un tiro libre de Esther Castedo tras unha técnica, permitiulles seguir ampliando a vantaxe ata os dezaseis puntos, pechando este penúltimo asalto cun 63-47. Tamén cómpre salientar o gran partido que estaba a realizar Deana Stoyanovska, que xa sumaba 24 puntos no seu marcador particular.

O último cuarto comezou como un auténtico concurso de triplos. Doogan inaugurou o marcador, á que respondeu a omnipresente Stoyanovska con dous consecutivos. Sandra Martínez e Esther Castedo replicaron a continuación, e esta última, ademais, recibiu unha falta no lanzamento e anotou desde a liña de tiros libres. Pero a festa desde o perímetro non rematou aí, xa que Galickova tamén quixo sumarse, e, tras romper Kucowski o dominio dos triplos, Karolina Sotolova volveu erguer o público dos seus asentos cunha nova anotación de tres puntos.

O Baxi estaba desatado. A palabra calma non existe no dicionario ferrolán e, coma un depredador que avista a súa presa, o equipo non baixaba o ritmo nin un só segundo. A ampla vantaxe no marcador e o bo momento que atravesaba o conxunto sobre a pista propiciaron que Lino López lles dese un par de minutos ás xogadoras da canteira Carmela Permuy e Elena Baldonado, que deixaron boas sensacións, especialmente pola súa intensidade defensiva. Finalmente, o Baxi impúxose con claridade tanto no partido como na eliminatoria, cun resultado de 85-58.

Katerina Galickova foi a máxima anotadora das locais, con 15 puntos, mentres que, no bando visitante, Deana Stoyanovska sumou 30 puntos na súa conta particular e, ademais, foi elixida MVP do encontro, con 25 puntos de valoración.

Con este triunfo, o conxunto da cidade naval avanza ata á seguinte fase, onde estará no grupo D xunto ao equipo griego do Olympiacos SFP, o turco CIMSA CBK Mersin, e o polaco Sleza Wroclaw. O primeiro encontro terá lugar ante as griegas, ás que visitarán no Eleftheria Moschatou Basketball Arena o mércores 14 de outubro ás 18:00 horas. Ademais, previo á aventura europea, o Baxi Ferrol arrincará a tempada nacional este domingo ás 18:00 horas, onde recibirá no seu feudo da Malata ao Araski na primeira xornada da Liga Feminina Endesa.

BAXI FERROL 85-58 BEROE STARA ZAGORA

BAXI FERROL: Karolina Sotolova (14), Katerina Galickova (15), Iva Belosevic (4), Sydney Shaw (9) e Tayra Eke (6); Sandra Martínez (5), Claire Melia (5), Esther Castedo (8), Nikola Priede (8), Maggie Doogan (11), Elena Baldonedo (0) e Carmela Permuy (0).

BEROE STARA ZAGORA: Gergana Madankova (2), Aleksandra Katanic (12), Deana Stoyanovska (30), Breon Gunnels (4) e Natalie Kucowski (6); Aleksandra Petrova (4), Stanislava karaivanova (0) e Violeta Grigorova (0).

CUARTOS: 23-17; 42-30 (19-13); 63-47 (21-17); 85-58 (22-11).

ÁRBITROS: Laure Coanus (francés), Diogo Martins (portugués) e Yoann Buttet (suízo). Sinalaron un total de 15 faltas a favor do Baxi e 15 en contra.

INCIDENCIAS: Partido de volta da fase previa da EuroCup Women disputada no Pavillón da Malata cunha asistencia de 964 afeccionados.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas