Consolidado como un central de garantías, Marcos Mouro Negreira (Santa Comba, 1999) afronta a súa cuarta tempada no Castriz, a terceira completa.
Formado nas bases do Santa Comba, Negreira, Xallas, Dumbría, Conxo e Bergan, saltou ao sénior co Dumbría, Xallas e Dubra. Rápido, comunicativo e elegante, destaca pola visión de xogo e precisión no pase.
Que significa para ti este club?
Para min é un club familiar en dous sentidos. O máis obvio é o trato e a proximidade. Vese en como a directiva nos coida aos xogadores e aos afeccionados e na piña que formamos todos no vestiario, cun núcleo moi forte de futbolistas locais ou da contorna. Pero, persoalmente, o Castriz tamén é familiar porque meu pai xogou aquí e ascendeu co equipo a Primeira, igual que fixemos nós anos despois. Os meus primeiros recordos futbolísticos son dos seus partidos, tanto neste club como no Dubra, por iso me sinto na casa. É unha maneira especial de lembrar a meu pai e de seguir os seus pasos.
Como ves ao equipo para esta tempada?
Aínda que empezamos a liga cunha derrota, vexo un equipo capaz de competir todos os partidos. Non hai tanto, o Castriz era un equipo de Segunda ou Terceira e agora, mantendo un grupo de xogadores locais con algunha incorporación que nos permitiu subir o nivel, estamos dando a cara en Primeira e chegando lonxe na Copa da Costa. Non hai que dar estas cousas por sentadas, porque non é fácil reter o talento e manter a unidade e a competitividade que nos caracteriza nos últimos anos. O obxectivo volve ser a permanencia, intentando sufrir menos que o ano pasado. Se as lesións nos respectan, creo que somos un equipo equilibrado, capaz de adaptarse a diferentes escenarios e con talento suficiente no medio do campo e arriba para sacar os partidos adiante. E, por suposto, o soño de gañar a primeira Copa da Costa da historia do Castriz segue vivo.
Que xogador consideras que é o teu maior referente?
Teño dous referentes principais. O primeiro, por suposto, meu pai. Xogaba de pivote, a posición na que eu me formei. Polo que lembro dos seus partidos e polas gravacións que puiden ver, era ese estilo de futbolista no que me fixo a nivel profesional: mediocentro defensivo, capaz de organizar o xogo, con bo pase en curto e en longo e con liderado. Por iso, o meu segundo referente é Xabi Alonso. Elegancia, efectividade na saída de balón, capacidade para filtrar pases a calquera distancia, sacrificio defensivo… Aínda que leve anos xa instalado na posición de central, a miña forma de xogar comparte moitos destes rasgos e conceptos (salvando as distancias, por suposto).
Foto: fotoschimpi



