Paula Mouzo Mas (Camariñas, 1986) é unha dianteira de carácter, paixón e gol, unha futbolista que leva catro campañas deixando a súa pegada no Escola Juan Cabrejo, onde porta o brazalete de capitá e defende o escudo do seu club converténdose nunha referencia imprescindible.
Paula pelexa cada balón coma se fose o último, non baixa nunca os brazos, arenga ás súas compañeiras para nunca rendirse e pelexar no campo os noventa minutos. Ten olfacto goleador, visión para descubrir espazos imposibles, velocidade para atacar a profundidade e un disparo capaz de incendiar calquera portería. E cando chega o momento decisivo, aparece a súa definición, fría e precisa, para axudar ao equipo cando máis o necesita.
A pasada campaña, o Escola Juan Cabrejo asinou unha tempada memorable, rozando o ascenso e facendo soñar coa gloria. No centro desa aventura estivo a súa capitá, máxima goleadora do equipo con doce dianas. Doce golpes de autoridade repartidos ante Corcubión, Cabana, Soneira, Zas, o filial do Xallas, As Miúdas e Cerqueda.
Pero houbo rivais que sentiron especialmente o poder da súa pegada. Puenteceso converteuse en territorio conquistado, vítima dun dobrete que xa forma parte da memoria do equipo. E A Baña sucumbiu ante unha tormenta perfecta cun hat-trick de Paula, tres goles para gravar o seu nome na historia da xornada.
Catro anos despois de chegar, a capitá segue liderando desde o céspede, coa mirada posta no seguinte desafío. Porque Paula Mouzo non só marca goles, empurra un equipo enteiro cara ao horizonte, sen medo a nada.
Que sentes levando esta camisola e o brazalete?
Responsabilidade, orgullo e ilusión.
Que esperades desta tempada?
Esperamos rematar a tempada nunha boa posición, a pesar de levar unha mala racha de lesións e baixas por problemas de saúde. E, sobre todo, vivir moitos bos momentos xuntas.
Que xogador ou xogadora inspirouche máis?
Non hai unha xogadora concreta que me inspire, senón a paixón polo fútbol e a alegría de ver que as rapazas teñen un equipo feminino no que xogar e desfrutar de todo o que nos regala o deporte. Hai anos, esta oportunidade non existía para nós.
Que consellos lle das as máis novas?
Que desfruten, que traballen e que nunca teñan medo a equivocarse. Que confíen sempre en si mesmas. Que sempre hai que animar a quen falla, dos erros tamén aprendemos e, como equipo, medramos xuntas. Quero que valoren o que teñen, que o desfruten e que sexan comprometidas co equipo..
Foto: fotofuentes



