Sonia Bra: “O baloncesto feminino en Ferrol merece todo o bo que lle está pasando”

Sonia Bra Piñeiro (Ferrol, 2003) é unha aleiro todoterreo forxada no Baxi e curtida durante dúas campañas no Maristas, que afronta a súa primeira tempada no BBCA disposta a deixar pegada na pista coa súa polivalencia, un lanzamento letal e un poderío descomunal no rebote.

Que foi o que máis che chamou a atención para vir ao BBCA?
Sobre todo, a posibilidade de volver á casa, estar preto da miña familia e poder compaxinar o baloncesto con rematar o PFG. A nivel deportivo, tamén necesitaba asumir un rol diferente dentro dun equipo e ter a oportunidade de seguir mellorando aspectos do meu xogo.

Como evolucionaches como xogadora tras pasar polo Baxi e polo Maristas?
No Baxi medrei como xogadora de base, desde que toquei o meu primeiro balón con 4 anos ata os 21, e tiven a oportunidade de formar parte do primeiro equipo e coñecer por primeira vez o que é un contorno profesional. No Maristas tiven a sorte de poder volver xogar despois da miña lesión nun equipo de boa categoría, rodeada de xente con moita calidade, nun grupo cunha filosofía de traballo e humildade moi marcada, e que me fixo sentir parte dunha familia. Medrei a nivel mental e aprendín a entender mellor a importancia de cada rol e de cada persoa dentro dun equipo, ademais de gozar da recompensa que chega cando todas as pezas funcionan en sintonía. Axudoume a madurar, a ter unha visión moito máis completa do baloncesto e a centrarme en facetas do xogo ás que a xente non adoita dar tanta importancia.

Que lle dirías á túa nova afección?
Creo que o baloncesto feminino en Ferrol merece todo o bo que lle está pasando, e animo a xente a darlle unha oportunidade e a gozar del, apoiando desde a bancada para que todos os equipos poidan estar sempre o máis arriba posible. Oxalá moitas nenas e nenos do club veñan coas súas familias, se divirtan e poidan ter alguén no que verse reflectidos. Estou segura de que gozaremos de moitas alegrías xuntos!

Fotos: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas