A quenda de penaltis decantou o LII Trofeo Concello de Mugardos a favor do Racing

O conxunto ferrolán alzouse co trofeo tras empatar a ceros na Pedreira ante un Bergantiños que dispuxo das mellores ocasións, pero que terminou cedendo na quenda de penaltis.

A Pedreira acolleu a quincuaxésima segunda edición do Trofeo Concello de Mugardos no que se medía o Racing Club Ferrol, que disputaba o seu quinto amigable da pretemporada, e o Bergantiños FC, que era o cuarto. Os de Pablo López, que aínda tratan de engraxar a maquinaria e de atopar ese ritmo de xogo que se espera deles, conseguiron levar o trofeo, pero con moito sufrimento #ante os de Simón Lamas, que dominaron a maior parte do encontro e gozaron de moitas ocasións claras para levar o encontro, aínda que serían os once metros os que ditasen sentenza tras o primeiro lanzamento que erraba Isma e que sería decisivo para decantar a vitoria a favor dos ferroláns.

Pablo López saíu ao céspede co seu once conformado por César Fernández, Álvaro Mardones, Aitor Gelardo, Markel Artetxe, Joel Ferreira, Álvaro Peña, Azael García, David Carballo, Raúl Dacosta, Joel Tenreiro e Dani González, mentres que Simón Lamas dispoñía o seu once con Canedo, Pastor, Fito, Sola, Tass, Diego, Marru, Iago, Koke e Darío.

O partido comezaba ben para os intereses ferroláns, coa defensa adiantada, presionando moi alto e dificultando a saída do balón dos rivais, pero os carballeses repoñíanse e comezaban a mandar sobre o terreo de xogo. A primeira era para o Bergan cun disparo de Iago que se marchaba desviado, pero rapidamente respondería o Racing cun intento de vaselina de Azael, pero que Canedo lograba atrapar con facilidade. Tras este par de ocasións, Marru tería unha moi clara cun forte disparo cruzado que Artetxe sacaba na mesma liña. Poucos minutos despois, novamente o Bergan avisaría tras regatear Iago a César Fernández e disparar, a porta baleira, ao pau.

Co empate sen goles, os dous equipos tomarían rumbo aos vestiarios tras un primeiro tempo no que o Racing dominou nos minutos iniciais e o Bergan foi de menos a máis ata facerse dono do partido e ter varias ocasións claras para irse mandando no electrónico.

O segundo tempo empezaba coa primeira para os carballeses, cando un centro de Isma rematábao Darío de cabeza e o balón estrelábase no traveseiro da portería defendida por Parera, que entraba durante o descanso.

Co paso dos minutos, o Racing mostraba síntomas de melloría e comezaba a chegar á área rival, aínda que sen poñer en apertos ao gardameta do conxunto carballés. Os ferroláns quedarían cun menos a falta de nove minutos para cumprir o tempo regulamentario tras a expulsión con vermella directa de Gorostidi. Sen ocasións moi claras durante o resto de minutos, o partido chegaría ao seu fin co empate sen goles e o trofeo decidiríase desde os once metros. Comezaba o Bergan disparando, pero Isma lanzaba alto o balón. A partir de aí, todos os demais lanzamentos serían gol, anotando para o Bergan Fito, Ander, Keko e Iago, mentres que polos ferroláns marcarían Antón Escobar, Jairo Noriega, Pascu, Antón Álvarez e Edgar Pujol.

Foto: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas