Ares celebrou, un ano máis, o exitoso maratón de fútbol praia, pero para que este evento sexa tan grandioso, detrás ten que haber un grupo de persoas que faga que isto sexa posible cada tempada, e hoxe ímosvos a falar deles.
Corrían os anos 90 cando un grupo de persoas decidiron unirse para formar un maratón de fútbol praia en Ares. No transcurso de todo este tempo, os organizadores foron cambiando, pero non a esencia do evento e a día de hoxe, un grupo de amigos conformado por Vicente Allegue, Borja Fernández, Carlos López, Eloy Martínez, Quique Fernández, Borja Vilasánchez, Emmanuel Varela e Daniel Iglesias, son os encargados de levar as rendas dun proxecto que tamén conta co apoio do Numancia de Ares, do propio Concello e dos establecementos do municipio, incluíndo colaboradores de Mugardos, Ferrol, Pontedeume, entre outros lugares da mancomunidade, e que se unen a unha multitude de amigos, familiares e xente desinteresada que se envorca coa celebración deste evento estival e deportivo.
Este grupo de amigos pasou por todas as etapas antes de organizar o evento, comezando como recollebalóns do mesmo cando eran pequenos, para posteriormente participar como xogadores e finalizar por encargarse de que se celebre. Gran parte deste grupo formaba parte do maratón do 2016, que tras un parón, volveron tratar de retomalo en 2020, pero debido á pandemia, non puido celebrarse e foi en 2023 cando o fútbol praia en Ares volveu para quedar.
Nestes tres últimos anos, o maratón creceu sen descanso, con multitude de público que desexa que chegue o verán para gozar do mellor fútbol na praia, con equipos que cada vez son máis os que mesmo comezaron a crearse contas oficiais nas redes sociais, a adestrar, realizar fichaxes e renovacións, publicar vídeos, fotos e resultados, e que conleva a que este evento non pase desapercibido, sumando o bo ambiente, a música e a gastronomía como convidados de luxo.
En canto á edición deste ano, vivíronse unhas semifinais moi rifadas, nas que Arenosos Bastardos impoñíase a Smash Padel 4 por 4-3, e Peru San Germán superaba ao Al-Habà por 4-2. Na final, os Arenosos Bastardos conseguirían levar o trofeo de campións tras golear cun claro 6-1.
Fotos: Sadmoody241




